Luis Menor: «A Deputación achégase a Valdeorras cunha sede propia na Casa Grande de Viloira»

Publicidad

O presidente da Deputación dixo que con este novo servizo se lle da un tratamento específico á comarca, tendo en conta a distancia e malas comunicacións coa capital

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luís Menor, formalizaron esta mañá na Casa Grande de Viloira a cesión temporal de parte destas instalacións da Xunta ao ente provincial para que emprace neste edificio unha sede provisional que atenda as demandas dos cidadás da comarca de Valdeorras.

No acto estiveron os alcaldes e alcaldesas de Valdeorras, entre elas, María del Carmen González, a delegada da Deputación en Valdeorras.

O presidente da Deputación, Luis Menor, sinalou que a delegación de Valdeorras conta agora cun espazo propio que vai permitir visibilizar la presencia da institución provincial na comarca e dar un tratamento específico a Valdeorras, unha comarca que —recoñeceu— está alonxada da cidade de Ourense e que conta con deficientes comunicacións.

Publicidad

«Pretendemos achegar a Deputación a Valdeorras, que nunca vai estar afastada dos programas, dos servizos e dos proxectos da Deputación. Valdeorras posúe valores e singularidades, como son o seu potencial económico e demográfico. Queremos dar unha boa resposta áxil aos seus problemas. Ademais o feito de ter un lugar físico onde poder reunirnos, dialogar e actuar vai facilitar iso, con reunións con alcaldes e con outras entidades”, manifestou.

Luis Menor citou o proxecto da autovía A-76, “que segue estando unicamente nos papeis”, á mellora da N-120 e da OU-533. E falou da carretera de San Vicente (Vilamartín) sinalando que estase nunha fase de reformulación técnica para darlle solución.

Falou da aposta da Deputación polos concellos e a cooperación, lembrando que como alcalde que tamén é coñece as deficiencias e necesidades deles.

Gabriel Alén: «Os verdadeiros beneficiados son os veciños e veciñas»

O delegado territorial subliñou a fluída colaboración entre ámbalas dúas administracións e sinalou ás veciñas e veciños como os “verdadeiramente beneficiados desta cooperación, pois nas mesmas instalacións comparecen os servizos de dúas entidades con prestacións próximas ás necesidades dos habitantes e residentes da contorna”; destacou Gabriel Alén.

“Este é o camiño que debemos percorrer a diario”, manifestou o delegado territorial, “unha administración cada vez máis próxima á cidadanía é unha teima irrenunciable da Xunta de Galicia”; recalcou. Deste xeito, “mantemos e reforzamos a liña de mellora dos servizos administrativos da Administración autonómica  nunha comarca estratéxica como é Valdeorras e ao mesmo tempo estamos a preservar un dos edificios senlleiros da provincia e de Galicia vinculado á historia desta contorna, ás súas xentes e á súa cultura”; sentenciou.

Gabriel Alén lembrou que o Goberno galego investiu recentemente preto de 300.000 euros na reforma integral da Casa Grande de Viloira. Desenvolvéronse actuacións de restauración da fachada cun novo enfoscado de cal hidráulica vista, a restauración e consolidación da pedra vista e o saneamento da carpintería de madeira e forxa.

O seu uso actual da Casa Grande, que data de 1637, é aloxar diferentes servizos da Xunta de Galicia tal como dependencias da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, entre eles o Rexistro da Xunta de Galicia;  servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a Consellería do Medio Rural coa Oficina Agraria Comarcal; os Servizos de Inspección de Saúde Pública da Consellería de Sanidade; o Instituto de Estudos Valdeorreses que contan cunhas oficinas, unha biblioteca e un salón de actos, que tamén usa o concello do Barco de Valdeorras para actos culturais.