Acolleu a gala de entrega do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán
Córgomo (Vilamartín) acolleu a gala de entrega do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Foi un día fermoso, unha festa da palabra, da poesía, as letras e a música.
A terra natal de Florencio, «Córgomo, é luz e vida porque leva o alimento da palabra de Florencio, que estamos reivindicando; porque leva a descuberta que nos fixo Pepe das Pedras das minas romanas, de toda a maravilla arqueolóxica; e leva tamén a luz da palabra de Eilún», definiu a perfección Xurxo Souto, cantante dos Diplomáticos, escritor e director de programas e descubridor de talentos e a persoa que entregou un dos galardóns a Eilún del Pazo Moa, finalista polo poema Destecedoira e gañadora do certamen polo traballo Da memoria do Mencía.
Raúl Gómez Pato, tradutor de textos en galego e gañador do II Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán foi a persoa que entregou o premio a outra das finalistas María Comesaña Besteiro, por Papas.
A escritora da Rúa Rosa Enríquez deu o premio ao terceiro finalista, Maurizio Polsinelli, italiano enamorado da lingua galega, polo poema Eu fun meteorito escrito.
O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez e Inma López Silva (representante do xurado), entregaron a «estatuiña» a Eilún del Pazo Moa, como gañadora.
López Silva destacou que “hoxe somos todos corgomófilos un dos pseudónimos de Florencio”, o que calificou de todo un orguio.
Os textos seleccionados como finalistas do premio foron “Eu fun meteorito”, de Maurizio Polsinelli; “Papas”, de María Comesaña Besteiro; “Escila”, de Arancha Rodríguez Fernández (que non pudo acudir á gala); e a composición vencedora de Eilún del Pazo, quen tamén foi finalista co seu texto “Destecedoira”.
Sergio Losada Macías, membro do foi grupo de teatro Pisabarros de Veigamuíños, foi a persoa que conduxo a gala. Insistiu na importancia de proxectar e cuidar o patrimonio local ao tempo que agradeceu a implicación dos Concellos, a Deputación e todos aqueles que apoiaron as Letras para Florencio pois «sin eles non sería posible».
Tamén felicitou a coordinadora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez, polo seu traballo.
O músico valdeorrés Sr. Jingles pechou o acto con tres cancións e a estrea dunha versión dun poema de Florencio, Casoiro.
Esta gran festa da palabra, da poesía e de Florencio reuniu a representantes de concellos, colectivos como o Instituto de Estudios Valdeorras, a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, entre outros, ademais da sociedade valdeorresa.
O vindeiro ano será o ano de Florencio, no que se lle adicarán as Letras Galegas, feito que se tivo moi en conta durante a gala dos premios.
O III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán foi organizado polo Concello de Vilamartín, contando coa colaboración dos consistorios do Barco, Petín, A Rúa, Rubiá e a Deputación de Ourense.
O premio foi creado en 2018 para reivindicar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, natural de Córgomo (Vilamartín) e nesta edición se presentaron 136 textos, dos cales aceptáronse 121.