É organizada pola Asociación de Mulleres Rurais, será o 17 de maio na Praza da Aira dos Bolos e haberá expositores, música e pulpo
Córgomo volverá a celebrar o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, nesta ocasión para enxalzar a figura de Francisco Fernández del Riego. Na súa retina aínda pervive a data en 2022, que convertiu a localidade en capital da cultura galega, nunha xornada moi especial que visibilizou o pobo no mundo, daquela adicada a Florencio Delgado Gurriarán. Agora, a Asociación de Mulleres Rurais, que preside Soledad Figueroa, organizou unha Feira de Produtos Tradicionais para que na festividade galega veciñas, veciños e turistas visiten esta terra do municipio de Vilamartín.
Soledad Figueroa explica que «non queremos deixar decaer o espírito do que vivimos o ano pasado, de aí a organización desta Feira» e anima a visitar Córgomo o 17 de maio. «Agardamos que os veciños e veciñas de Valdeorras veñan visitarnos», suliña.
A feira desenvolverase de 11,00 a 14,00 horas na Praza da Aira dos Bolos.
A Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo agradece a implicación dos participantes e a colaboración do Concello de Vilamartín, que aporta a «música e outros traballos de acondicionamento do lugar», puntualiza.
Nesta Feira de Produtos Tradicionais, haberá vermú, licores e comida preparada de A Horta de Fina e Mar (O Barco); viño da adega Viñaredo; mel de O Marquesado e O Tío Miguel; aceite de Terras Cigurras; libros da Casa Tomada; licores de Barbudos; Bicas de Raigada e artesanía de Spoombini (Pombo Artesanía en Madeira) e Artesanía Enxebre. Tamén estará a pulpeira Matilde (A Rúa).
Unha boa iniciativa para dinamizar Córgomo.