A Fundación Florencio Delgado Gurriarán porá en marcha un dicionario valdeorrés

Publicidad

Presentou o seu plan de actividades culturais que comenza o 29 de marzo na Rúa cunha xornada sobre a fala valdeorresa

Unha acción cultural diversa e itinerante por diferentes espazos de Valdeorras. Ese é o plan para o 2025 presentado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán. O programa inclúe xornadas culturais con conferencias e visitas ao territorio dedicadas á lingua e a Castelao. Tamén, unha nova edición do Premio de Poesía que será convocado en abril; a recuperación da Florenciada en Córgomo como celebración popular do Día das Letras Galegas; o regreso das Noites de Teatro no verán e un encontro educativo. Ademais, a Fundación porá en marcha un dicionario de valdeorrés en liña e participativo, que implicará accións cos centros educativos e coas asociacións veciñais.

Esta programación conta co apoio económico da Deputación de Ourense e dos Concellos integrados na Fundación: O Barco, Vilamartín, A Rúa, O Bolo, Petín e Larouco, ademáis da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o dicionario. Todo este programa foi presentado na Biblioteca da Rúa coa presencia da súa alcaldesa, María Albert, os patronos da Fundación Manuel Bautista e Aurelio Blanco Trincado, Ana Vizcaya, María del Carmen Álvarez e Margarida Pizcueta, representantes na Fundación dos Concellos da Rúa e do Barco, respectivamente.

Xornada sobre a fala valdeorresa

Publicidad

A primeira cita desta programación é o sábado 29 de marzo cunha xornada cultural dedicada á fala valdeorresa. A cita arranca ás 11.30 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa, onde se presentarán as palestras incluidas baixo o título A fala valdeorresa e do Bierzo. Nela intervirán as filólogas e investigadoras Noelia Estévez Rionegro, natural da Rúa, quen introducirá o seu traballo Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras, e máis Sara Rodríguez Fernández, nacida en Carracedelo e autora do Dicionario do Galego no Bierzo.

Tras as súas palestras, no evento presentarase a plataforma en liña do dicionario de valdeorrés que a Fundación leva meses desenvolvendo e que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Tras as palestras, ás 13 horas a xornada cultural continuará desprazándose a unha adega e cova tradicional da Rúa para a actividade O léxico do viño. A visita será na zona de covas do Porto da Costa, en Vilela, e contará coa colaboración dos viticultores Pío González Rodríguez e Celia Martínez Díaz. Para esta parte do evento, se ben é gratuíto, é preciso inscribirse na web da Fundación, xa que as prazas son limitadas. O acceso ás palestras é libre ata completar aforo.

Comisións e grupos de traballo

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán naceu con vocación de liderar unha acción cultural de comarca e por iso, ademais da participación dos municipios, está a a crear grupos de traballo específicos de cada disciplina abertos á incorporación de axentes do territorio. Son as comisións de Lingua, Literatura, Historia, Territorio, Didáctica e Artes, que se ocuparán de ir deseñando as actividades de cada área, e ás que se están a sumar especialistas e activistas culturais que aportan propostas e a súa experiencia.

A maneira de incorporarse a estas comisións é por convite directo da Fundación ou dirixíndose á súa xerencia para propoñerse como candidato ou candidata para integrar un dos grupos de traballo. Con isto a Fundación quere ser permeable con outras accións culturais da
comarca e consoliderase como un espazo de acubillo para todo aquilo incluído baixo o seu lema: Lingua e Cultura de Valdeorras.