O director de Turismo de Galicia dixo que a recuperación desta iniciativa contribúe á difusión do patrimonio de Valdeorras
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou esta tarde a aposta da Xunta pola promoción dos recursos turísticos locais da Comarca de Valdeorras a través da colaboración co Instituto de Estudos Valdeorreses. Entre as accións que se inclúen están as de promoción da cultura vitivinícola da zona, da tradición local e da aposta polo turismo industrial, como elementos definitorios da oferta turística deste destino.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia subliñou que esta colaboración permitirá ademais de poñer en valor os recursos turísticos da comarca, “enriquecelos a partir da investigación e recuperación de coñecemento que leva a cabo esta entidade”. Sen dúbida, este aspecto de análise “redunda nunha oferta turística máis identitaria e máis pegada ao territorio”.
No decurso do acto, procedeuse a presentar a primeira actuación incluída nesta colaboración. Trátase do XII Concurso de Fotografía Manuel Blanco Pascual convocado ao redor do tema «O patrimonio que atoparán os peregrinos no Camiño de Inverno». As persoas que desexen participar terán ata o 30 de setembro para presentar as súas obras. As fotografías premiadas pasarán a formar parte da colección de fotos do patrimonio material da Comarca.
Bases
Os concursantes poderán presentar un máximo de 3 fotografías, cun tamaño máximo de 40 por 50 e mínimo de 20 por 25, sobre calquera soporte. Non se admiten traballos feitos con IA.
As fotografías se poden entregrar presencialmente na sede do IEV, na Casa Grade de Viloira, por correo postal ou tamén por correo electrónico: ievaldeorreses@yahoo.es.
A entrega de premios farse na terceira semana de outubro. Os premios serán de 500 euros e diploma para o primeiro; 300 euros e deploma para o segundo e 200 euros e diploma para o terceiro. Tamén haberá dous accésits, neste caso consistentes nun lote de libros.
Conferencias
Ademais, o cultura do viño será outra das liñas estratéxicas desta colaboración a través da celebración da semana da historia dedicada á tradición dos viños de Valdeorras e ao futuro do enoturismo na comarca. Xunto con conferencias que versarán sobre o pasado e a tradición vitivinícola, tamén se avanzará sobre as posibilidades que ten a comarca á hora de explotar profesionalmente o enoturismo.
Exposición de espantallos
O Camiño de Santiago acollerá tamén unha exposición de espantallos no marco da celebración do II Concurso de Espantallos ‘Os gardiáns das hortas’. Estas pezas colocaranse ao longo do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras como un modo de humanización e posta en valor da tradición local no Camiño.
Finalmente, o fomento do turismo industrial será o eixo dunhas xornadas sobre o aproveitamento da tradición mineira desta comarca desde o ámbito turístico. Unha mostra incluirá mostras so proceso extractivos de ouro, cobre, ferro, wólfram ou pizarra, entre outros minerais e pedras naturais.
Tamén realizarase un irmandamento entre as dúas institucións culturais máis importantes de Valdeorras e do Bierzo: o Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto de Estudios Valdeorreses.
O presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, agradeceu a implicación da Axencia de Turismo de Galicia co Instituto de Estudios Valdeorreses, que permitiu retomar o concurso de fotografía. E falou dos proxectos de IEV que axudan a impulsar o Camiño, como o Concurso de Espantallos, e outras iniciativas que buscan impulsar os recursos locais e turísticos da zona.









