Xosé Manuel Merelles percorreu o Camiño de Inverno, unha ruta que «pon en valor a marca Valdeorras»

Publicidad

O membro da candidatura ao Parlamento galego polo PP lembrou que «con Rueda ao fronte da Xunta, Galicia bateu un récord de visitantes no 2023«

Xosé Manuel Merelles, membro da candidatura ao Parlamento galego polo PP de Ourense, percorreu o Camiño de Inverno en Valdeorras dende Sobradelo (Carballeda) ata A Rúa, pasando por O Barco e Vilamartín, para poñer en valor a relevancia social e económica das rutas xacobeas do Camiño de Santiago. Xa fixo este itinerario noutras ocasións, comprobando a pé do terreo a beleza da paisaxe e as posibilidades dun Camiño singular que cada día cobra mais forza.

Publicidad

No decurso do treito que realizou a pé do Camiño de Inverno atendeu aos medios de comunicación no Malecón barquense para poñer de manifesto o compromiso do Partido Popular co fortalecemento e construción da marca Valdeorras, un marchamo turístico arredor do que se intensificará a promoción conxunta de toda a comarca tendo en conta os seus sinais identitarios e autóctonos. “Entre eles, por suposto, o Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca”, suliñou.

“As xentes da zona sabemos da relevancia desta ruta xacobea, o que significa que o seu trazado percorra a nosa xeografía”, indicou. Neste sentido, puxo de manifesto que cada ano máis de 2.300 peregrinos percorren este itinerario que leva a Compostela.

Publicidad

“Dende o Partido Popular traballaremos para conseguir que esta cifra aumente, que sexan moitos máis os peregrinos que circulen cada ano polo Camiño de Inverno porque segue a ser a ruta xacobea máis descoñecida de todas e, probablemente, unha das máis fermosas. Por iso, comprometémonos a investir na súa promoción e na súa divulgación”, afirmou Merelles.

Quen fora ata hai pouco director da Axencia Turismo de Galicia, posto do que cesou para se integrar na candidatura do PP de Ourense de cara aos comicios do 18 de febreiro, tamén ofreceu datos que amosan que o Camiño é un motor de dinamización económica para os territorios polos que decorre.

Neste sentido, indicou que a relevancia económica e social dos Camiños a Santiago é cada vez maior, tamén no Camiño de Inverno como así o constata o último estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago da Universidade de Santiago. Os peregrinos concentran o 3% do gasto turístico na comunidade galega e cada un dos peregrinos que visitan Galicia supón o mesmo impacto económico que tres turistas nacionais. Se o medimos en noites, o impacto é aínda maior: os peregrinos representan o 16,7% das noites consumidas en Galicia xa que teñen unha estadía media que duplica a do visitante.

Despegue definitivo

“Como dixen onte en Larouco, e repito agora aquí, só un goberno galego con Alfonso Rueda á cabeza está en condicións de garantir que Valdeorras complete o seu despegue definitivo en termos turísticos. Imos traballar para que a zona sexa un destino preferente de chegada de visitantes dentro do interior de Galicia, e non só para os propios galegos senón tamén para moitas outras persoas que poidan chegar ata aquí procedentes de fóra da nosa comunidade,
do resto de España e, mesmo, de Europa. Imos promocionar intensamente a comarca, dun modo integral, en diferentes foros e feiras turísticas tanto de índole nacional coma internacional”, abondou.

Neste sentido lembrou que en 2023, con Rueda á fronte da Xunta, a cifra de ingresos rexistrada na totalidade dos hoteis da comunidade acadou os 405 millóns de euros, unha cantidade nunca antes conseguida e moi superior a antes da pandemia cando o sector hoteleiro facturaba uns 320 millóns de euros.

Con sete millóns de visitantes chegados a Galicia o ano pasado e un incremento da desestacionalización con importantes incrementos de viaxeiros fóra da tempada alta, o noso programa electoral prevé seguir apostando pola
dinamización turística de todo o territorio tendo en conta, en cada caso, os seus elementos diferenciadores.

“O interior de Galicia, por exemplo, está cheo de activos que cómpre poñer en valor, de paisaxes singulares, de patrimonio arquitectónico de gran valor histórico, de propostas enolóxicas e gastronómicas de seu”, indicou. Nova Estratexia Turística para Galicia.

Finalmente, sinalou o compromiso do Partido Popular con deseñar unha nova Estratéxica Turística para Galicia co horizonte de 2030 no foco que se vertebre en tres piares fundamentais: sostibilidade, unha maior promoción internacional e desestacionalización.