A Fundación Florencio Delgado Gurriarán mantivo unha xornada na Rúa con ponencias sobre fraseoloxía de Valdeorras e o galego do Bierzo ademais dunha visita a unha adega e cova de Vilela
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán presentou este sábado na Rúa unha plataforma colaborativa para recoller o léxico propio de Valdeorras. Trátase dunha ferramenta en liña que facilita as aportacións da veciñanza e que será coordinada pola comisión de lingua da Fundación, a cal irá validando os termos e contextualizando a súa posible inclusión nun dicionario da fala da comarca.
O proxecto foi lanzado na que foi a primeira xornada cultural celebrada pola Fundación neste 2025 e que foi conducida por Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura no Barco e unha das impulsoras da Fundación. Segundo explicou, esta plataforma permitirá «o traballo en paralelo do comité científico e das aportacións da comunidade, convertíndoo nun proxecto vivo e cambiante».
A presentación deste dicionario en cernes fíxose nunha xornada na que participaron dúas investigadoras da lingua, a ruesa Noelia Estévez e mais a berciana Sara Rodríguez, e reuniu a medio centenar de persoas no Centro Cultural Avenida da Rúa.
No encontro, baixo o título «A fala valdeorresa e do Bierzo», a filóloga ruesa Noelia Estévez, presentou a súa investigación sobre fraseoloxía de Valdeorras, destacando como os ditos atribuidos á fala da comarca son un espello das súas especificidades idiomáticas e da súa identidade, con moitas referencias á toponimia, a feitos históricos e ao traballo no agro. Destacou, entre outras, as seguintes: Cáveme quen queira, pódeme quen saiba, referida ao viñedo; ser como un cimixe, que é o verme da castaña, co que se describía ás mulleres pequenas; e ditos máis recentes pero moi implantados como Eu fun a Petín e repetín ou Do mar, o mero e do Barco, o botelo.
Trala súa palestra foi o turno de Sara Rodríguez, graduada en Tradución e Interpretación, quen presentou o seu Dicionario do Galego do Bierzo, un proxecto que xurdiu dunha investigación universitaria e que conta con máis de quince mil entradas. Rodríguez, natural de Carracedelo, destacou como a lingua galega está moi viva na comarca veciña, especialmente entre a xente maior, e a oportunidade que representan os estudos en galego que se ofrecen na educación Primaria e Secundaria. Ela mesma, ademais de crecer co galego como segunda lingua, estudiouno no instituto de Cacabelos e participa das actividades da Comisión Sarmiento que defende, entre outras cousas, a recuperación da toponimia en galego no Bierzo.
Presentación da plataforma
Todas estas investigacións nutrirán o proceso de creación do dicionario de fala valdeorresa, ao cal pode accederse dende a web florenciodelgadogurriaran.gal. Os detalles da plataforma, desenvolta pola empresa Estudio Caravana, foron presentados por Cristina de la Torre, responsable de comunicación da Fundación, e quen avanzou que a web e as súas ferramentas irán crecendo a medida que aumenten ás aportacións. Segundo explicou, «xa está operativo un formulario básico para enviar termos valdeorreses e nuns días estará listo un formulario avanzado para engadir fotografías e audios de uso das palabras propostas».
Neste momento no dicionario hai dez termos, todos eles recollidos na poesía de Florencio e con comentarios da comisión de lingua da Fundación, que se encarga de comprobar que sexan realmente palabras propias do valdeorrés. O seguinte paso, segundo adiantou Margarida Pizcueta, será organizar eventos de participación e socialización do proxecto, convocando encontros para a recollida de léxico e dinámicas de colaboración con centros educativos, asociacións e expertos na cultura de Valdeorras.
Visita a unha adega tradicional
Trala presentación, a xornada continuou cunha visita a unha adega e cova tradicional de Vilela, tamén na Rúa, na que exerceron de anfitrións os seus propietarios, os viticultores Pío González e Celia Martínez, quenes explicaron o proceso tradicional de elaboración do viño e algunhas palabras relacionadas co mesmo. Os próximos eventos na axenda da Fundación serán a presentación da quinta edición do Premio de Poesía e máis a Florenciada das Letras Galegas, que neste 2025 volverá a convocar á comarca a unha xornada festiva en Córgomo.
Dende a Fundación valorouse moi positivamente o interese espertado pola convocatoria, que encheu a sala de conferencias do Centro Cultural Avenida, e máis a asistencia de veciñanza e forzas vivas de toda a comarca, entre eles o alcalde e Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, e máis a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Por parte do Concello da Rúa, deu a benvida a concelleira Ana Vizcaya. Tamén se agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, colaboradora da Fundación, e máis da Secretaría de Políticia Lingüística da Xunta de Galicia que financia a web do dicionario.