Realiza encontros comunitarios no que a poboación participa con lembranzas e técnicas como a cinotipia
«Con-fluencias: Ríos que xa non son», proxecto que promove a cooperativa galega Outonía, aborda desta vez a memoria asolagada que o Encoro do Bao garda dende o ano do seu inicio no 1958.
Durante este ano de 2025, Con-fluencias desenvolverase en dúas accións chaves: “Pensar a auga” e “Cartografía contemporánea do río que xa non é”. Estas accións despregan actividades e propostas nos concellos afectados polo encoro: Viana do Bolo, Vilariño de Conso e O Bolo. Aspiran a rexenerar un relato sobre o espazo compartido, dende a memoria, pero tamén dende a actualidade.
A Casa da Cultura de Viana do Bolo acolleu o primeiro encontro comunitario. Nun laboratorio de experimentación a partir da cianotipia guiado pola artista Sol Álvarez, arredor dunha ducia de persoas, experimentaron con esta técnica de revelado fotográfico que emprega como elementos centrais a auga e a exposición solar.
Seguindo o fío da auga, as imaxes traballadas daban conta do proceso de construción do encoro, do cambio da paisaxe, así como o uso de especies vexetais de ribeira para a creación de composicións gráficas.
Un encoro é unha masa de auga que cubriu a paisaxe e oculta (á vista) todo o que quedou debaixo, pasando dunha paisaxe de relieve a unha superficie plana. Durante o obradoiro, Sol Álvarez convidou as personas asistentes a facer o percorrido contrario: que a propia auga revele o que xa non podemos ver. Dese xeito, mediante superposicións de imaxes, xogos con elementos naturais e con superficies distintas foi posible que a auga, que nun primeiro momento asolagou, agora devolva a memoria… iso si, cuberta da característica cor azul da cianotipia.













