Obradoiros de teatro en xullo en Vilamartín

Publicidad

Se farán para persoas entre 10 e 18 anos e serán impartidos pola dramaturga Amparo R. De Dios

O verán en Vilamartín achega actividades en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán e tamén os Encontros de Teatro que serviron para revindicar a súa figura entre a veciñanza valdeorresa.

O proxecto das Letras de Florencio e o Concello de Vilamartín, co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, está artellando unha intensa programación cultural que será presentada a semana próxima e na que se inclúe unha actividade moi especial, un obradoiro de teatro encontro coordinado pola dramaturga Amparo R. De Dios.

Publicidad

Madrileña afincada en Valdeorras, de Dios ten moita experiencia na celebración deste tipo de obradoiros nos que se incentiva a democratización das artes escénicas e que as creacións sexan froito do traballo colectivo do equipo actoral e mais do público, ao que se convida a interaccionar durante a representación.

Publicidad

Para a directora, especialista tamén en terapia ocupacional, a vida e obra de Florencio son moi acaídas para este tipo de traballo teatral xa que “era unha persoa moi accesible pero ao mesmo tempo moi profunda, e a musicalidade dos seus poemas convida ao recitado e á oralidade”.

Amparo R. de Dios realizou un obradoiro destas características recentemente co activista
cultural corgomés Anxo Baranga e grupo teatral Furafollas en Barcelona.

Nesta ocasión o obradoiro está destinado ao público infantil e xuvenil, de entre 10 e 18 anos, cun máximo de vinte participantes, os cales traballarán durante as mañás dos sábados de xullo para chegar ás festas da Santa Marta de Córgomo cunha ou varias pezas listas para ser presentadas á veciñanza.

Son en total catro sábados de creación e ensaio: 2, 9, 16 e 23 de xullo en horario de
11.00 a 13.30 horas no Centro Sociocultural Santa Lucía de Vilamartín.

A representación final será polas rúas de Córgomo o 31 de xullo ás 20.00 horas. A inscripción é gratuíta e deberá de formalizarse no Concello de Vilamartín.