Hai unha treintena de propostas de teatro, cine, ópera e danza cunha novidade, o I Festival de música Ourenclásica
O Teatro Principal de Ourense presentou a súa programación para o primeiro semestre de 2026, cunha trintena de propostas que inclúen teatro, cine, ópera, danza, concertos e un ciclo novo de música clásica, ademais de actividades infantís.
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, que explicou en detalle todas as propostas que ofrece este espazo ata finais de ano.
César Fernández definiu o Teatro Principal como «institución de referencia cultural da cidade e da provincia», poñendo en valor a programación «dinámica, diversa e de calidade». Tamén subliñou a importancia da «colaboración institucional» para garantir o dereito de acceso á cultura da cidadanía.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, alabou a calidade das propostas, destacando «cada vez máis presenza da danza». Do mesmo xeito, destacou a «cooperación institucional» como alianza estratéxica e resaltou o «gran momento» que viven as artes escénicas en Galicia.
Programación variada
A programación do Teatro Principal comeza o de xaineiro, coa obra «Viejos tiempos», de Entrecajas Producciones e protagonizada por Ernesto Alterio, Marta Belenguer e Mélida Molina.
O 23 de xaneiro haberá concerto de Ángel Stanich, que presenta o seu novo álbum.
O 20 de febreiro será o turno de «Desterradas», de Producións Teatráis Excéntricas, obra que gañou o 25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais.
A ópera terá protagonismo o próximo 22 de febreiro, con «L’elisir d’amore», de Gaetano Donizetti.
Tamén haberá danza con «Creavida», de Rafaela Carrasco, que foi Premio Nacional de Danza en 2023. Será o 28 de febreiro.
Primeira edición de Ourenclásica
Xa en marzo, o día 7, arranca unha das novidades da programación: o «I Festival de música Ourenclásica», que nace co obxectivo de aumentar a oferta de concertos de música na cidade e contar con músicos de sólida traxectoria como o violinista ourensán José Manuel Álvarez Losada e o guitarrista Marcos Díaz. Tamén actuará Manuel Burgueras, pianista de Montserrat Caballé. A soprano Catina Bibiloni e o pianista Juan Carlos Cornelles pechan o elenco de artistas que actuarán nestes concertos.
O 8 de marzo volve José Sacristán a Ourense, coa dirección da obra «El hijo de la cómica».
«La mujer rota», de Simone de Beauvoir, chegará ao Teatro Principal con Anabel Alonso como protagonista. Será o 20 de marzo.
Outro dos clásicos da programación é a MITEU, que cumpre 31 edicións e representará obras do 24 de abril ao 8 de maio. A programación coñecerase próximamente.
A compañía Tricicle tamén completa a diversa programación do primeiro semestre, nesta ocasión coa obra «La venganza de Don Mendo«, o 9 de maio.
Por último, pecha o semestre Pentación Espectáculos, con «Las amargas lágrimas de Petra Von Kant», o 11 de xuño.
Venda de abonos e entradas
Toda a información sobre a programación, os abonos de tempada que xa poden reservarse e a venda de entradas está dispoñible na web do Teatro Principal teatroprincipalourense.com.







