O pleno da Deputación aproba por unanimidade impulsar a candidatura de Florencio para as Letras de 2022

Publicidad

O PSOE presentou a iniciativa á que lle deu voz o diputado Aurentino Alonso

O pleno da Deputación Provincial de Ourense aprobou por unanimidade de todos os grupos unha moción socialista para que a institución provincial se sumase ao impulso da candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para a celebración das Letras Galegas do 2022 na súa honra.

O proxecto «As Letras de Florencio» ten a súa orixe no ano 2016 e hai unhas semanas, un grupo de persoas e institucións, presentaron un dossier á Real Academia Galega (RAG) para apoiar a merecida candidatura.

Publicidad

O deputado socialista, Aurentino Alonso, mostrou a súa ledicia polo respaldo á iniciativa. Explicou que “a petición non é unha novidade” porque “hai 20 anos que, a iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses e da veciñanza de Vilamartín de Valdeorras, xa se solicitara a celebración”, pero daquela a proposta non prosperou.

Publicidad

Alonso agradeceu a colaboración e o traballo minucioso dos responsables do proxecto «As Letras de Florencio» e tamén o apoio de todos os grupos políticos da Corporación.

Igualmente, matizou que esta iniciativa “xa está na Real Academia Galega (RAG) co apoio de tres membros da academia”, polo que “cumpriu todos os cauces formais para que, canto antes, se poida recoñecer a súa figura”.

Florencio Delgado foi un poeta, investigador e intelectual galego, de Córgomo (Vilamartín), que participou activamente na vida cultural de Galicia e México. Foi exiliado a raíz da súa afiliación ao Partido Galeguista e da Guerra Civil, e alí axudou a fundar o Padroado da Cultura Galega ou a revista Vieiros. Así mesmo foi nomeado membro correspondente da Real Academia en México. Tamén traballou activamente polo impulso da cultura e da literatura na comarca ourensá de Valdeorras. Ao longo da súa vida publicou libros como “Bebedeira”, “Galicia Infinda”, “Cantarenas” e “O soño do guieiro”.

O respaldo á candidatura pasará a mans da Real Academia Galega, que é a que ten a última palabra.

O acordo plenario di así:

  • Que a Deputación Provincial de Ourense se sume á iniciativa promovida polo proxecto cultural As Letras de Florencio e apoie a candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para que lle sexa concedido, en 2022, o Día das Letras Galegas. 
  • Que a Deputación Provincial de Ourense dea difusión, a través de todos os medios de difusión cos que conta a institución, á candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para que lle sexa concedido, en 2022, o Día das Letras Galegas. 
  • Que a Deputación Provincial de Ourense traslade o seu apoio á candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para que lle sexa concedido, en 2022, o Día das Letras Galegas, á Real Academia Galega, para coñecemento e constancia de todos os seus membros.