O PSOE propón á Deputación que apoie a candidatura de Florencio ás Letras Galegas de 2022

Publicidad

Levará a petición ao pleno da institución provincial e destaca a figura, traxectoria e perfil do escritor e poeta valdeorrés

O PSdeG-PSOE propón que a Deputación de Ourense se sume “pública e formalmente” ao impulso da candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para a celebración das Letras Galegas do 2022. O proxecto cultural «As Letras de Florencio» ten a súa orixe no ano 2016, pero foi agora, hai só unhas semanas, cando un grupo de persoas e institucións presentaron un extenso dossier ante a Real Academia Galega para apoiar esta candidatura.  

O deputado socialista valdeorrés, Aurentino Alonso, sinala que “esta petición non é unha novidade” porque “hai 20 anos que, a iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses e da veciñanza de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, a súa vila natal, xa se solicitara a celebración das Letras Galegas na súa honra, pero daquela non puido ser”. Alonso destaca a figura de Florencio Delgado, un “poeta, investigador e intelectual galego que participou activamente na vida cultural de Galicia e de México, o seu país de exilio”.

“O que queremos é que o propio pleno da Deputación de Ourense apoie esta solicitude e lle dea traslado do acordo á Real Academia Galega”, asevera Alonso antes de salientar que estamos ante unha figura “universal” da literatura en galego do pasado século, “na súa Galicia natal e tamén no estranxeiro. Foi un dos cinco poetas de maior calidade das letras galegas no exilio”, destaca Aurentino Alonso.

Publicidad

A iniciativa que se debaterá no pleno deste venres, reclama que a Deputación “se sume á iniciativa promovida polo proxecto cultural As Letras de Florencio e apoie a candidatura” deste poeta, para que lle sexa concedido, en 2022, o Día das Letras Galegas. Igualmente pide que a institución provincial ourensá dea difusión a esta candidatura “a través de todos os medios cos que conta” e que “traslade o seu apoio á Real Academia Galega, para coñecemento e constancia de todos os seus membros”.

Publicidad

Florencio Delgado “foi exiliado a raíz da súa afiliación ao Partido Galeguista e da Guerra Civil Española”, recorda o deputado, e “en México, onde coincidiu con boa parte dos intelectuais galegos que alí se atopaban” –Carlos Velo, Castelao, Otero Pedrayo, Basilio Álvarez ou Carlos Casares, entre outros– “axudou a fundar o Padroado da Cultura Galega, a revista Vieiros –referente da cultura galega no exterior– e traballou na revista Saudade”. Tamén recibiu en vida a honra de ser nomeado membro correspondente da Real Academia en México.

O intelectual valdeorrés traballou activamente polo impulso da cultura e da literatura nesta comarca da provincia ourensá, “formando parte da revitalización sociocultural que traían os anos vinte”, recorda o PSdeG-PSOE na iniciativa. Igualmente formou parte do artellamento do Partido Galeguista, sendo o “elo vencellador entre a política ourensá e valdeorresa”. Grazas ao seu traballo, Valdeorras recibiría a visita de persoeiros como Otero Pedrayo ou Alexandre Bóveda, entre outros.

Delgado Gurriarán, a máis dos seus prolixos traballos no eido cultural, político e divulgativo, levou a cabo un “extraordinario labor poético no que despuntou como membro da xeración de hilozoístas”, aseguran desde o grupo socialista, con numerosas publicacións en xornais e revistas. Ao longo da súa vida publicou libros como “Bebedeira”, “Galicia Infinda”, “Cantarenas” e “O soño do guieiro”.

Coñecedor da importancia que tiña a tradución ao galego dos grandes autores da literatura mundial, tamén gañou un concurso en Bos Aires, xunto a Plácido Castro e Tobío Fernández, coa publicación “Poesía inglesa e francesa vertida ao galego”. Entre estes textos figuran traducións de Rimbaud, Mallamé, Materlinck ou Regnier.