A inscrición pode realizarse ata o 28 de febreiro e o evento gastronómico celebrarase do 17 ao 20 de abril en Madrid
O Inorde vén de aprobar as bases para regular o procedemento destinado a seleccionar a 16 micro empresas como coexpositores no stand que terá este organismo en Salón Gourmets 2023, Feira de Alimentación e Bebidas de calidade, que se celebrará no recinto feiral de IFEMA, Madrid, entre os días de 17 ao 20 de abril de 2023.
O stand do Inorde habilitará 16 módulos destinados, cada un deles, a unha empresa da provincia de Ourense para que expoña e promocione os seus produtos.
Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude (no modelo que se contén nas bases dispoñibles na páxina web www.inorde.com), entre as 00:00 horas do día 16 de febreiro de 2023 e as 24:00 horas do día 28 de febreiro de 2023.
A solicitude presentarase na sede electrónica da Deputación de Ourense (https://sede.depourense.es/), utilizando a opción de presentación de solicitudes de propósito xeral ou, se o solicitante non está obrigado a comunicarse coa Administración por medios electrónicos, poderá presentar a solicitude nos Rexistros do Inorde, da Deputación de Ourense ou no de outra Administración.
Para poder ser coexpositor deste espazo, as micro empresas elaboradoras de produtos gourmet deberán ser titularidade de persoas físicas autónomas ou xurídicas cuxo domicilio e centro de produción estea situado na provincia de Ourense. No caso de que se trate de empresas dedicadas á viticultura, a súa produción anual non poderá ser superior a 100.000 litros en cada un dos dous últimos exercicios anuais pechados.
Son consideradas micro empresas aquelas que ocupan a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.