Será o 20 de novembro, ás 20,00 horas, no Teatro Lauro Olmo
O próximo xoves 20 de novembro, ás 20,00 horas, o Concello do Barco celebra unha nova edición de «Cine e muller rural», este ano dedicada ás mulleres que viven e traballan no monte. Trátase da cuarta edición deste evento, no que se conmemora o Día Internacional da Muller Rural cun encontro arredor da cultura e da conversa. Nesta ocasión o protagonista é o monte e as mulleres que teñen actividades profesionais ou comunitarias arredor del.
Proxectarase o documental «El rugir de las llamas» de Robin Petré, recén estreado e gravado en Galicia entre os anos 2020 e 2022, incluindo os lumes forestais daquel ano na zona de Verín. Entre as súas protagonistas está a bombeira forestal Cristina Campero, quen estará no evento no Barco.
O documental preséntase como unha viaxe inmersiva e visualmente impactante ao sul de Galicia durante un dos veráns máis calurosos xamais rexistrados, no que humans e animais loitan por sobrevivir. Cunha duración de 90 minutos, estreouse en Espeña este outono despois de pasar polo Festival de Berlín e DOCSBarcelona, entre outros.
Trala proxección haberá un coloquio con mulleres que viven en Valdeorras e teñen traballos relacionados co monte, como a gandeira Cristina Gómez, a agricultora Eliska Fárková, a apicultora Antonia Franco ou as viticultoras Ana Bartolomé e Cecilia Fernández. En paralelo ao coloquio, haberá unha degustación de viños elaborados por mulleres para destacar o caracter celebratorio da xornada, enmarcada no recoñecemento da Muller Rural.
No coloquio sobre a película participarán Cristina Campero, bombeira forestal e Eva Cobián, veterinaria e no que terá lugar a continuación, están invitadas as seguintes mulleres:
● Cristina Gómez, gandeira (A Rúa)
● Eliska Fárková, agricultora (O Seixo, Petín)
● Cecilia Fernández, Enóloga e viticultora (A Rúa e Quiroga)
● Antonia Franco, apicultora (O Porto, Rubiá)
● Ana Bartolomé, enóloga e viticultora (Xagoaza, O Barco)
● Mariví Carballo, bombeira forestal (O Barco)
● Patricia Vila, comuneira de montes (Cernego, Vilamartín)
O coloquio estará acompañado dunha degustación de viños. A entrada é libre ata completar aforo.






