«Nadel», nova asociación de Valdeorras, achegou «Poesía frigorífica» a Petín

Publicidad

Tamén actou Mario Colomán & The Clocks Band, dentro desta xornada poética musical organizada pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán

A Praza Doutor Quiroga de Petín foi escenario este domingo dun encontro poético musical ao que acudiron os finalistas e xurado do Premio Florencio Delgado Gurriarán, un acto no que tivo a súa estrea Nadel, unha nova asociación cultural valdeorresa que aposta «por darlle voltas á cultura, activar a memoria, acompañar procesos e sementar futuro en galego, sen espiñas». Así o explican os seus responsables: Ana Rosa, Jorge Moral, Rubén Alvariño e Iria Vila.

Todos eles levan tempo desenvolvendo iniciativas culturais na comarca polo que conformarse como Asociación foi só un paso máis no camiño. Moitos dos membros de Nadel levan tempo colaborando coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán en diferentes actividades como as Florenciadas ou os roteiros, amosando moita creatividade para socializar a poesía.

A súa proposta en Petín foi ofrecer «poesía frigorífica», imáns con versos dos poetas do Premio que a xente levou unha vez superados algúns xogos relacionados cos autores e autoras da comarca.

Publicidad

Xunto ales, na mesma praza de Petín, ás 13,00 horas, houbo un concerto do grupo de Quiroga (Lugo) Mario Colomán & The Clocks Band, que contan cun repertorio propio de temas en galego.

Castelao e Valdeorras

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán mantén abertas as inscricións para a xornada «Castelao e Florencio», unha conversa no tren do desterro que se celebra o próximo sábado 4 de outubro. Nela, recrearase a viaxe en tren que o intelectual de Rianxo fixo atravesando a comarca cando se mudou a Badaxoz e na que lle acompañou Florencio.

Para lembrala, a Fundación reservou un vagón completo de tren no que se haberá unha conversa pública entre os historiadores Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez no traxecto que hai entre Monforte e O Barco.

O formulario para anotarse está dispoñible na web da Fundación. Ao día seguinte, domingo 5 de outubro, celébrase na Sala Abanca do Barco, a conferencia Castelao, obra artística, a cargo da investigadora Pilar García Negro, quen analizará a traxectoria do autor e político dende un punto de vista artístico, contextualizándoo co seu tempo histórico. A conferencia comeza ás 12.30 e o acceso é libre ata completar aforo.