Gran concerto das Letras Galegas no Barco con Zoar

Publicidad

Será o vindeiro 16 de maio e xa se poden reservar as entradas, que son de balde

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acollerá o vindeiro día 16 (20,00 horas) unha das actividades centrais coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día das Letras Galegas. Trátase do tradicional Concerto das Letras Galegas que homenaxea tanto ao poeta e activista político e cultural Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 – Fair Oaks, USA, 1987), como á memoria dos exiliados e exiliadas republicanos, que, coma el, pasaron de Galicia a México.

O concerto  corre a cargo do grupo Zoar e nel estrearase a peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez.

A entrada é libre e de balde. As entradas son gratuítas, pódense retirar no propio día do concerto que terá lugar no Teatro Lauro Olmo (Barco de Valdeorras, 20:00 horas) e será retransmitido en directo pola web do CCG e a da CRTVG.

Publicidad

Zoar interpretará música e cancións que traen evocacións do maxestoso Sil e as súas areas auríferas e imaxes do mar das cepeiras con recendos de vendimas, ambos materia poética gozosa e soidosa do poeta de Córgomo, mais tamén da explosión malva da xacarandá, na Galicia infinda, nesa nova terra de acollida onde sempre é primavera.

Zoar é un conxunto de cámara creado en 2009 que medrou á procura dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, un firme compromiso coa nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade, con vontade de achegar a súa actividade a todos os públicos.