Solicitará o respaldo da Corporación para rexeitar o proxecto da factoría de pasta de celulosa en Palas de Rei e tamén pedirá que respalde unha manifestación de «SOS Galicia» en defensa da sanidade
O grupo municipal do BNG levará ao pleno do Barco do 6 de abril dúas mocións alusivas ao proxecto de construción dunha macrofactoría de pasta de celulosa no concello de Palas de Rei, Altri, e tamén a sanidade pública.
O BNG solicitará durante a sesión a oposición da Corporación municipal á megacelulosa de Altri «dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto, contamina e ocasionaría diversas repercusións negativas para todo o país, para as comarcas próximas á megafactoría, así como para o río Ulla e a ría de Arousa».
O BNG pedirá que se rexeite a actuación da Xunta neste proceso, «por antepoñer os intereses dunha empresa privada portuguesa aos intereses da sociedade galega»; que se solicite ao Goberno do Estado «que non traizoe a Galiza outorgándolle fondos públicos á empresa portuguesa Altri para a construción da macrocelulosa» e instará ao goberno municipal a promover e facilitar cos medios ao seu alcance a asistencia da veciñanza a futuras convocatorias e mobilizacións sociais contra este proxecto, ademais de dar traslado destes acordos á Xunta de Galiza e ao Goberno central.
Sanidade
O BNG tamén solicitará á Corporación municipal que respalde os acordos propostos pola Plataforma SOS Sanidade Pública como apoiar as reivindicacións da mesma, e instar ao goberno municipal a difundir a través dos medios ao seu alcance a Manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública do día 6 de abril en Compostela e a facer un chamamento ao conxunto da veciñanza para participe nela.
A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia conovocou para o día 6 de abril, ás 12,00 horas desde Alameda de Santiago, para solicitar que se incrementen os recursos, a organización e o funcionamento da Atención Primaria; reactivar e aproveitar plenamente os recursos dos Hospitais Públicos para afrontar o incremento das listas de agarda; e frear o deterioro, desmantelamento e privatización de todo o Sistema Sanitario Público Galego por parte do PP galego.
Defende máis Atención Primaria con Centros de Saúde e PACs dotados de persoal suficiente de todas as categorías; ben equipados; accesibles en 24-48 horas como máximo; consultas presenciais a solicitude do paciente; reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e participación social.
Tamén pide máis Atención Hospitalaria coa utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde; recuperar recortes nos hospitais comarcais; acabar coa política de concertación coa privada; restitución ao sistema publico dos centros privatizados; plans para reducir listas de agarda e a non ocultación das mesmas; acabar coa precariedade laboral e recuperar a esixencia da dedicación exclusiva do persoal médico.
E, finalmente, propón máis Sanidade Pública incrementando o orzamento sanitario público; Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades; recuperar os servizos privatizados e as Áreas Sanitarias pechadas; potenciar a Saúde Pública para combater as posibles epidemias para a saúde.