O Instituto presentou a memoria de actividades do ano 2022 que da conta do traballo e iniciativas de cooperación deste organismo
O Inorde publicou na súa web, como así o fixo o ano pasado, a súa memoria de actividades do ano 2022, “un documento que recolle as actividades realizadas por esta institución ao longo do pasado exercicio e que da boa conta do traballo realizado nos diferentes ámbitos que competen a este organismo”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
No ano 2022, continuouse con esa folla de ruta de avanzar nun dos segmentos turísticos que presenta un maior potencial de crecemento para o destino como é o sector MICE (siglas en inglés para Turismo de Incentivos, Congresos e Reunións). Neste sentido, a provincia de Ourense demostrou a gran capacidade que ten neste ámbito coa organización do Congreso Internacional de Turismo Termal, avalado pola Organización Mundial de Turismo, coa participación de delegados de 20 países.
Por outra banda, co apoio de Turismo de Galicia, retomouse a campaña “Ourense Coge Velocidad” nesta ocasión en Alacante, promocionando os recursos da provincia ante a chegada dunha liña directa entre Ourense e esta cidade que nos conecta en 5 horas co mercado mediterráneo.
Sector primario
No ámbito do sector primario púxose en marcha a Estratexia Provincial de Impulso a Producións Sostibles de Alto Valor Engadido, que contempla diversas actuacións, e que acadou o financiamento da convocatoria destinada a proxectos innovadores do Rural da Secretaría de Estado de Reto Demográfico.
Neste mesma liña e co fin de facilitar a chegada de persoal cualificado para o sector agrícola deuse un paso relevante coa acreditación do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro para impartir os certificados de profesionalidade nas especialidades de “actividades auxiliares en agricultura” e “agricultura ecolóxica”, dando resposta a unha das necesidades para afrontar o relevo xeracional nas explotacións.
Mostra do firme compromiso do Inorde cos produtores locais, agricultores e gandeiros e os froitos do seu labor esencial, decidiuse marcar presenza por primeira vez en certames internacionais coma o Salón Gourmets, onde non só se amparou a 12 microempresas senón que se proxectou a imaxe de calidade de Ourense, provincia enogastronómica, nun foro de tanta relevancia como este.
Cooperación
O Inorde volveu a demostrar neste 2022 que é un firme aliado da cooperación, e así o amosou coa colaboración en 115 probas deportivas realizadas en diferentes concellos da provincia; coa liña de axudas que concedemos aos 24 concellos para desenvolver accións de promoción de produtos ourensáns. E, neste apartado, unha das novidades foi a apertura precisamente dunha liña de concorrencia competitiva no 2022, destinada a apoiar as asociacións de toda a nosa provincia para dinamizar o tecido comercial de proximidade e que chegou ata 468 asociados de tres comarcas (A Limia, Valdeorras e Ribeiro).
Proxectos europeos
Continuouse a traballar na última fase dos proxectos europeos dos que o Inorde é socio como “Caminos Jacobeos del Oeste Peninsular”; “Keep On” que ten como obxectivo promover a mellora das políticas e instrumentos de cooperación no sector do patrimonio cultural; “Soil Diver Agro: Novas prácticas para impulsar a calidade e a produción dos cultivos”; ou algún dos que finalizaron no último ano como foron “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular no espazo ibérico”; ou o “CrinMa” para mellorar as políticas rexionais relacionadas coa protección e promoción do patrimonio cultural nas zonas de montaña.
Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”
Por último, como entidade que xerencia o Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” liderado pola Deputación de Ourense iniciouse a primeira anualidade de execución deste proxecto transformador para os 15 municipios rurais termais da provincia. Entre as actuacións iniciadas, impulsouse o Sistema Integral de Calidade Turística en Ourense Termal, licitouse a última fase da reforma do balneario de Berán que facilitará a apertura do 8º balneario da provincia e adquiríronse dous eco-barcos que propiciarán un sistema de mobilidade sostible na área de intervención. Tamén se definiu unha estratexia para identificar novos produtos turístico-termais.