No pleno da institución provincial tamén se aprobou unha moción para rexeitar a supresión de frecuencias do AVE na Gudiña
O Pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe unha modificación de crédito por un importe superior a 6,2 millóns de euros, dos que máis de 6,1 millóns serán distribuídos entre os concellos ourensáns para financiar 191 iniciativas municipais relacionadas cos efectos dos lumes deste verán, atender os servizos públicos e necesidades de financiamento.
A repartición entre concellos dos máis de 6,1 millóns baséase en tres criterios. Por unha parte as achegas destinadas aos concellos afectados de modo grave ou importante polos lumes forestais deste verán, cunha porcentaxe en función da superficie queimada que vai desde os 100.000 euros para os municipios máis afectados, ata os 55.000 para aqueles que resultaron afectados en menor medida pero sempre de modo importante.
En segundo lugar establécese unha distribución lineal por poboación de cada concello, con cantidades que van desde os 30.000 euros (municipios que teñen menos de 1.000 habitantes); 40.000 (entre 1.000 e 5.000; e 50.000 euros para os concellos de máis de 5.000 habitantes.
O terceiro criterio refírese ás necesidades especiais de cofinanciamento que teñen os concellos para proxectos en cuxa execución participan outras administracións.
A modificación de crédito aprobada alcanza unha cifra total de 6.249.377,77 euros. Desta cantidade, 60.000 euros van destinados a expropiacións e 30.000 ao Concello dos Blancos para amortización de débeda. A contía restante, 6.159.377,77 euros, distribúese entre os concellos menores de 20.000 habitantes
AVE na Gudiña
No capítulo de propostas, aprobouse unha moción na que se reproba ao ministro de Transportes, Óscar Puente, polas decisións do seu departamento que afectan á provincia de Ourense, ao suprimir frecuencias do AVE na estación da Gudiña pasando de 56 a 41 semanais. Unha decisión que empeora este servizo, ao eliminar, precisamente, as paradas más efectivas e importantes para a comarca.
No marco desta iniciativa, o Pleno tamén acordou esixirlle ao Goberno central volver de forma inmediata aos horarios anteriores a xuño, así como elaborar de maneira inmediata un plan de atención urxente aos viaxeiros na Gudiña, dotando a súa estación de todos os servizos e infraestruturas necesarias para o seu óptimo funcionamento.






 
 




