A Deputación apoia un proxecto para recuperar patrimonio na Veiga

Publicidad

Trátase dunha iniciativa chamada “Tocar o Concello. Un proceso de imaxinación comunitaria na Veiga” que implicará aos veciños

A Deputación de Ourense colaborará nun proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial do concello da Veiga, que desenvolverá a propia veciñanza coa axuda de técnicos en investigación.

O presidente provincial, Manuel Baltar, comprometeu a axuda da institución logo de escoitar os detalles do proxecto que lle foi presentado polo alcalde, Juan Anta, e a educadora social Araceli Macías, en representación das tres entidades implicadas na única proposta galega seleccionada pola Fundación La Caixa na súa convocatoria para iniciativas de acción social no medio rural.

Publicidad

Manuel Baltar resalta o compromiso do goberno provincial co territorio ourensán e o traballo do Concello de A Veiga: “A Deputación sempre está aberta a proxectos como este, nacidos no territorio e cunha vocación de manter a identidade e recoñecer os recursos propios dunha parte tan importante desta provincia como é A Veiga, que nos últimos anos sobresae por iniciativas tan singulares como o Observatorio Astronómico ou cuestións tamén vencelladas coa dinamización do medio rural”.

Publicidad

O presidente provincial felicita “ao alcalde, por suposto, pero sobre todo felicito a esta emprendedora, que ademais comezou a súa actividade grazas a unha axuda da Deputación de Ourense, o Plan Emprendou, que xestionamos coa axuda do Fondo Social Europeo”. 

Juan Anta agradece “o apoio permanente do presidente da Deputación, que ten a visión necesaria para impulsar estes proxectos, a capacidade máis importante no eido político”. Para o alcalde da Veiga, a colaboración institucional permitirá impulsar un traballo “que vai destacar pola participación da veciñanza e por manterse no tempo grazas a un mapa que recollerá todos eses recursos materiais e inmateriais”. 

Publicidad

Araceli Macías trasladou ao presidente provincial os aspectos básicos dunha iniciativa que inclúe no seu título a expresión “Tocar o Concello”, en referencia á convocatoria que a través das campás da igrexa se facía á veciñanza para falar das necesidades do pobo e tomar decisións, “unha práctica de participación cidadá que agora tamén quedará reflectida neste traballo”.

Investigación, asesoramento e exposición dos resultados 

A investigación, que se prolongará durante un ano, consta de varias actividades. O punto de partida será a constitución dun grupo de veciñas e veciños da Veiga que, acompañados por persoal técnico, realizará unha investigación sobre os recursos materiais e inmateriais do territorio que eles mesmos decidirán (contos, lendas, roteiros, etc…), recursos que unha ilustradora deixará plasmados nun mapa do municipio. 

Publicidad

En paralelo porase en marcha unha oficina de asesoramento, que non terá un espazo físico fixo, destinado a prestar axuda a todas aquelas persoas que desexen desenvolver unha iniciativa económica ou social na Veiga. E, xa cara o remate do ano, organizarase unha actividade onde se exporán os resultados desta investigación e o mapa co patrimonio material e inmaterial do concello, non só para dalo a coñecer a toda a veciñanza senón tamén para outras institucións ou entidades interesadas en iniciativas como esta.

Co título completo de “Tocar o Concello. Un proceso de imaxinación comunitaria na Veiga”, o proxecto conta axuda da Fundación La Caixa, a través da convocatoria de iniciativas de acción social no medio rural, o cofinanciamento da Deputación de Ourense, e a participación de dúas sociedades cooperativas, Feitoría e Outonía, e da asociación Otra Escuela.