A Camisa de Lauro Olmo, segundo capítulo en podcast

Publicidad

A adaptación sonora da obra pode escoitarse na web do Consello da Cultura Galega

Xa está dispoñible o segundo capítulo de A camisa, adaptación sonora da premiada obra de Lauro Olmo que se pode disfrutar e escoitar en formato podcast na páxina web do Consello da Cultura Galega.

O segundo episodio de A camisa aborda a emigración forzosa ao estranxeiro dun dos amigos de Xan, o protagonista, que insiste na súa idea de ficar e continuar á busca de traballo.  Continúa a narración da premiada peza dramática escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o drama da emigración.

A adaptación sonora en formato podcast feita por A quinta do Cuadrante, dirixida por Tito Asorey, parte da tradución que Ramón de Valenzuela fixo do texto orixinal. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello do Barco de Valdeorras foron os encargados deste proxecto  que conmemora o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.

Publicidad
Publicidad

Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Loliña e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio.

A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.

A adaptación sonora divide a historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración que se emiten cada venres. Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador.

O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.

Toda unha aposta polo teatro galego.