Está baseada nunha obra de Lauro Olmo e Pilar Enciso, é unha coproducción da compañía ourensá e do Centro Dramático Galego e a dirixe Fina Calleja
O vindeiro 27 de maio, ás 21,00 horas, o Teatro Lauro Olmo acolle unha estrea moi especial co gallo do centenario do nacemento de Lauro olmo. Trátase de “Asemblea xeral”, obra baseada nun libreto escrito por Lauro Olmo e a súa dona, Pilar Enciso, e que foi presentada esta mañá no Barco.
A representación teatral é unha coprodución da compañía ourensá Sarabela Teatro e do Centro Dramático Galego (CDG) e está dirixida por Fina Calleja. Do elenco forman parte Héctor Martínez, Fran Lareu, Elena Seijo, Fernando Dacosta e Sabela Gago. O deseño e realización de escenografía foi de Carlos Domínguez.
A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, sinalou que para o Concello do Barco «é un orguio que unha compañía galega e ourensá recollese esa testemuña e represente en galego dita obra, que foi premio nacional de teatro».
Fina Calleja, directora da obra, adicou unhas palabras a Gustavo Docampo, técnico de Cultura do Barco, por ser «o verdadeiro promotor do espírito que está detrás desta produción».
Dixo que «para nós é un proxecto moi ilusionante, é un xeito marabilloso de recuperar a un autor por moitos coñecido de nome. Foi unha oportunidade de redescubrilo máis aló desas dúas pezas como son La Camisa o La pechuga de la sardina, que son importantísimas dentro do que é a dramaturxia española”.
Fina Calleja contou que este traballo e moi fiel á biografía de Lauro Olmo e Pilar Enciso, «tan comprometidos no social e cos valores democráticos, porque é un pouco o que subxace na peza».
Pola súa banda, Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, destacou que o texto, aínda que non é o máis coñecido, posúe unha actualidade tremenda, e xeralmente vai dirixido á infancia, pero pode ser un texto xuvenil ou para adultos perfectamente”.
Núñez indicou que “nós estamos moi felices de estrear unha coprodución nosa no Barco, que non é o común. Normalmente as producións e coproducións estreábanse en Santiago e cremos que é moi importante sacalas fóra», puntualizou, co fin de poñer en valor aos autores propios, e o territorio.
Para concluir, Gustavo Docampo afirmou que “Asemblea xeral” é a “segunda produción na dilatadísima carreira profesional de Sarabela que se vai estrear no Barco e a verdade é que a primeira gozou dunha traxectoria moi boa, eu augúrolle a esta obra moitísimo éxito nos teatros”.