19.1 C
O Barco de Valdeorras
lunes, septiembre 28, 2026
Publicidad

«En rede pola Enciña da Lastra» impulsa novas experiencias turísticas

Publicidad

O Polo de Emprendemento do Barco organizou unha xornada que reuniu proxectos e personas que promoven o territorio

O Polo de Emprendemento de O Barco organizou a actividade «En rede pola Enciña da Lastra«, unha xornada que reuniu diferentes personas, proxectos e iniciativas vinculadas ao territorio para coñecer de preto os seus recursos naturais, culturais e turísticos e explorar novas posibilidades de colaboración.

A xornada contou tamén coa presenza de Marta Vázquez Guzmán, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Ourense, que acompañou ás persoas participantes durante a actividade.

O encontro comezou no Centro de Interpretación da Serra da Enciña da Lastra, en Biobra, onde Cristina, guía do centro, deu a benvida ao grupo e realizou unha explicación sobre o Parque Natural, os seus principais valores e os recursos que ofrece. A través desta introdución, as persoas participantes puideron coñecer mellor a riqueza natural, paisaxística e cultural da zona e reflexionar sobre as posibilidades de conectar estes recursos con novas experiencias turísticas.

Publicidad

Un dos momentos centrais da xornada foi a visita a Oulego, onde Antonia e Jens explicaron como avanzan as obras de recuperación dunha alvariza tradicional, un elemento de gran valor dentro do patrimonio etnográfico e apícola da zona. Durante a visita puidemos coñecer de primeira man o proxecto e a importancia de recuperar e conservar este tipo de construcións ligadas á tradición apícola. A actuación está financiada con fondos da Fundación Reina Sofía.

A continuación, o grupo desprazouse ata O Marquesado, onde Antonia e Jens amosaron as súas instalacións e explicaron o funcionamento do seu proxecto apícola. A visita permitiu achegarse ao traballo diario detrás da produción de mel, ao coidado das colmeas e ao importante papel das abellas na polinización e na conservación da biodiversidade.

E, como peche da visita, chegou un dos momentos máis doces da xornada: unha cata de mel, na que as persoas participantes puideron coñecer e probar diferentes características e sabores deste produto.

A actividade rematou cun espazo de intercambio e networking, no que se compartiron impresións, ideas e posibles vías de colaboración entre as persoas participantes.

Con esta iniciativa, o Polo de Emprendemento de O Barco busca favorecer a conexión entre persoas emprendedoras, proxectos e recursos do territorio, poñendo en valor as posibilidades que ofrece a Serra da Enciña da Lastra e promovendo novas oportunidades vinculadas á natureza, o patrimonio, a apicultura e o turismo.

Unha xornada para coñecer mellor o territorio, pero tamén para poñer en contacto ás persoas que o están facendo medrar.