O presidente da Xunta inaugurou un centro de emprendemento no Barco

Publicidad

Alfonso Rueda puxo en valor esta iniciativa para xenerar emprego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o impulso que lle está a dar o Goberno galego á consolidación da Rede de polos de emprendemento durante a inauguración dun novo centro de apoio ao emprego no Barco de Valdeorras, concretamente en Viloira, onde tamén visitou a Casa Grande.

Ao acto tamén asistiron a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Elena Rivo; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa; o alcalde do Barco, Alfredo García; a delegada da Deputación e alcaldesa de Carballeda, María del Carmen González; acaldesas e alcaldes de Valdeorras ademáis de representantes de asociacións como o AEVA, o Centro Comercial Aberto O Barco, a Asociación Ruta do Viño e o Clúster da Pizarra de Galicia, entre outros.

Na súa intervención, Rueda  puxo en valor o labor desta rede de centros para asesorar da man de expertos a aquelas persoas que deciden dar o primeiro paso de emprender. Defendeu o emprendemento pola súa aportación non só á creación de emprego, senón tamén para o desenvolvemento de Galicia en xeral, ao achegar novos produtos e servizos, que desde a súa orixe na Comunidade teñen alcanzado proxección internacional “levando a marca Galicia polo mundo”, enxalzou.

Publicidad

Consecuentemente, Rueda amosou o compromiso do Goberno galego co emprendemento, tal e como reflicte o pulo que lle dan os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade do vindeiro ano con 30,6 millóns de euros destinados en exclusiva a este fin (unha suba do 51,6%) ou a implantación da ‘cota cero’ para o primeiro ano de actividade como autónomo.

“Se queremos unha Galicia potente hai que apoiar a xente que emprende”, defendeu o mandatario galego con respecto ao impulso á Rede de polos de emprendemento que está a facer a Xunta.

O alcalde do Barco, Alfredo García, tamén falou da importancia do emprendemento.

Na inauguración dous emprendores relataron a súa experiencia, Susana Anta (no ámbito da cerámica) e Daniel García.

15 polos de emprendemento ao remate de 2023

Así , o Polo de emprendemento inaugurado hoxe no Barco de Valdeorras é o terceiro na provincia de Ourense e décimo en Galicia. No entanto, antes de que remate este 2023, a previsión é chegar aos 15 polos en activo na Comunidade.

Neste senso, en máis dun ano que leva funcionando a Rede de polos de emprendemento xa axudou a 700 persoas e facilitou a posta en marcha de máis de 600 proxectos que hoxe son unha realidade. Hai que salientar o feito de que a meirande parte destes polos están no rural, xa que cada vez son máis as persoas emprendedoras que viven nel que se animan a poñer en marcha o seu propio negocio.