A presidenta do GDR, María del Carmen González, fixo balance: «crea un modelo turístico máis sostible, competitivo e innovador»
A Casa Grande de Viloira acolleu esta mañá a presentación oficial dos resultados do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Valdeorras. María Carmen González Quintela, presidenta do GDR Valdeorras, fixo balance dos tres anos de execución dun dos proxectos de investimento turístico máis importantes desenvolvidos na comarca. A convocatoria e o programa do acto incluiron a presentación dos resultados seguida dun café-almorzo coas persoas asistentes.
Durante a súa intervención, a presidenta destacou que o PSTD chega ao seu remate cun resultado especialmente significativo: a execución do 100 % das actuacións previstas, mobilizando máis de 1,5 millóns de euros de investimento e completando con éxito as actuacións previstas mediante a tramitación e execución de 38 contratos. Subliñou que este resultado demostra a capacidade de Valdeorras para xestionar proxectos complexos financiados con fondos europeos e aproveitar con responsabilidade os recursos públicos.
A presidenta explicou tamén que, grazas a unha xestión financeira responsable, o Plan conseguiu xerar arredor de 15.000 euros en rendementos financeiros, recursos que puderon reinvertirse nas propias actuacións do PSTD sen incrementar a achega das administracións financiadoras.
Na súa intervención, quixo agradecer expresamente a colaboración da Xunta de Galicia, da Secretaría de Estado de Turismo, da Deputación Provincial de Ourense e dos nove concellos da comarca, así como o traballo desenvolvido polo equipo técnico do GDR Valdeorras e pola asistencia técnica do Plan. Destacou que a cooperación institucional foi un dos principais factores que explican o éxito da execución.
María Carmen González Quintela lembrou que o obxectivo do PSTD non é únicamente executar investimentos, senón construír un modelo turístico máis sostible, competitivo e innovador. Neste sentido, destacou actuacións como a Rede de Miradoiros de Valdeorras, a mellora da Ruta do Viño, a recuperación do patrimonio industrial, a renovación de espazos patrimoniais, as actuacións de mobilidade sostible, a transformación dixital do destino e a creación de novas ferramentas de promoción turística.

Como conclusión, a presidenta resumiu o legado do Plan en tres ideas: capacidade de xestión, colaboración institucional e futuro. Asegurou que a experiencia adquirida permitirá afrontar con garantías novos proxectos e continuar captando oportunidades de financiamento para seguir impulsando o desenvolvemento turístico de Valdeorras.
Investimento e total executado: 1.507.799,68 €
O investimento se divide en tres bloques: Actuacións territorializadas por concellos 1.200.723,86 €; Actuacións da Ruta do Viño de Valdeorras 145.517,12 €; Xestión do PSTD e promoción global do destino 161.558,70 €. O total executado foi de 1.507.799,68 €
Actuacións nos concellos:
- Renovación das instalacións da Casa Río Cigüeño (O Barco)
- Adecuación do contorno das Covas de O Castro (O Barco)
- Rehabilitación da Cova tradicional de Seadur (Larouco)

- Melloras no Camiño de Inverno en Sobradelo

- Turismo Industrial da Pizarra con mejoras en Sobradelo
- Recuperación da Fonte de Candeda.
- Mellora da Vía Nova en Petín.

- Patrimonio iluminado en na pasarela de Penouta e no entorno, en Vilamartín de Valdeorras

- Mellora dos aproveitamentos turísticos do encoro da Rúa

- Iluminación ornamental do Santuario das Ermidas
- Centro de Interpretación do Volframio na Veiga

- Rede de rutas ciclistas en Rubiá
Actuacións da Ruta do Viño de Valdeorras (145.517,12 €)
As actuacións na Ruta do Viño foron a Plataforma dixital da Ruta do Viño; reportaxe fotográfica profesional; accións de formación e promoción; accións de promoción; creación de contidos e difusión e material promocional e merchandising.
Estas actuacións permitiron renovar a identidade visual da Ruta do Viño, reforzar a súa presenza dixital, mellorar os materiais promocionais e impulsar accións de promoción e formación para consolidar o principal produto enoturístico da comarca.
Xestión e promoción global do destino (161.558,70 €): Asistencia Técnica do PSTD; nova páxina web turística; xestión de redes sociais; produción audiovisual e mapa interactivo; redeseño da marca e formación ao sector.
Estas actuacións serviron para garantir a correcta execución administrativa e financeira do Plan e, ao mesmo tempo, dotar Valdeorras dunha nova estratexia de comunicación e promoción turística que continuará xerando valor para o destino nos vindeiros anos.






