Xunta e Goberno central coordinan o control da vendima

Publicidad

Nesta campaña verifícase o cumprimento da normativa para evitar situacións fraudulentas no transporte de uva e procedencia da mesma

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá nunha xuntanza celebrada na Subdelegación de Goberno co obxecto de coordinar os recursos dos Gobernos central e autonómico para o control do transporte de uva e de mosto en estrada na provincia de Ourense nestas datas de vendima e evitar, así, situacións fraudulentas que se poidan producir coa entrada de uva foránea.

Na reunión tamén participaron o subdelegado de Ourense, Emilio González, responsables da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil, así como responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe existentes na provincia: Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas e establecer criterios de coordinación entre as distintas administracións e consellos reguladores para o control de entrada de uva foránea; e nos que se vén traballando de xeito permanente con intercambio de información.

Publicidad

O delegado territorial informou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por cuarto ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia.

Publicidad

Plan de control da Xunta

Trátase dun plan propio da Xunta que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe, asegurando e preservando a calidade dos seus viños. Dentro das accións enmarcadas neste plan, xa deu comezou o control de parcelas e transporte.

Publicidad

Para o control, cóntase cun equipo —idéntico ás últimas campañas— formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).

No ano 2021 os inspectores realizaron o control sobre 4.705 parcelas, que corresponden a un total de 446 viticultores, así como a 116 adegas das diferentes denominacións. Así, este ano faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.

Publicidad

Unha parte moi importante do control lévase a cabo durante a vendima con fin de verificar a entrada da uva nas adegas, a súa procedencia e a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades de uva de cada DO. Tamén se estimará a posible colleita para así ter información detallada e poder cotexar coa produción real que se entrega en adega.

Así mesmo, realizaranse controis terrestres de uva nas proximidades das adegas e nas vías de comunicación na contorna das parcelas de vendima. Tamén se controlarán os centros de acopio ou postos de compra-venda de uva que poidan existir no ámbito xeográfico de actuación, garantindo que estean dados de alta no respectivo consello regulador.

Unha vez rematado o período de inspeccións, cos datos recollidos realizaranse informes técnicos, estudos estatísticos e comparativas.