O director de Turismo participou nunha mesa redonda que clausurou a XIII Semana da Historia do Instituto de Estudios Valdeorreses
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, interveu esta tarde nunha mesa redonda sobre o potencial do enoturismo en Valdeorras xunto con representantes de distintas adegas da zona. Merelles defendeu a relevancia do turismo enogastronómico como vector esencial na desestacionalización da oferta, así como a súa contribución ao redistribuír no territorio os recursos turísticos e, con eles, ás persoas visitantes. «O enoturismo está en un auxe, ten un potencial extraordinario en Galicia», sinalou.
O director de Turismo de Galicia lembrou que a Estratexia de turismo 2030 recoñece a gastronomía e a enoloxía como activos de interese na configuración dunha oferta diferencial. “É por iso que desde a Xunta de Galicia se traballa en iniciativas concretas que potencien estes recursos”, abundou, parándose en proxectos como o Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía. Este precisamente centra un dos seus Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) na comarca, a través do PSTD ‘Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria’, dotado con 1,5M€.
Xosé Merelles incidiu na relevancia da enogastronomía como un recurso que goza de amplo recoñecemento, citando a recente entrega de Estrelas Michelin, na que Galicia sumou dúas novas distincións para outros tantos restaurantes. En total, na comunidade hai 19 establecementos recoñecidos, dos que tres teñen dúas Estrelas. Merelles apuntou, asemade, que das máis de 140 festas de interese turístico de Galicia, 64 son de tipo gastronómico, o que garante un amplo éxito popular.
A celebración da mesa redonda enmárcase na programación da XIII Semana da historia de Valdeorras. A iniciativa, que conta co apoio de Turismo de Galicia, está organizada polo Instituto de Estudios Valdeorreses, que retoma a súa celebración tras de case vinte anos de parón. A última edición, a 12, celebrárase en 2006.
Datos turísticos
Como mostra do éxito da estratexia en turismo da Xunta, Merelles aludiu aos bos resultados en materia de aloxamento hoteleiro nos dez primeiros meses do ano. Os ingresos hoteleiros acadaron entre xaneiro e outubro unha cifra récord de 408,1M€, un 5,2% máis que no mesmo período de 2024. Rexistráronse 4,78M de viaxantes, un 2,2% máis, que realizaron máis de 8,8M de noites.
Na clausura da Semana da Historia o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, falou da enorme cantidade de literatura sobre enoturismo que o IEV recopilou durante moitos anos e do xerme do enoturismo en Valdeorras.
Pola súa banda, o alcalde, Aurentino Alonso, quen tamén felicitou ao IEV pola súa iniciativa e polos poñentes escollidos aos que calificou “de primeira división”. Tamén adicou unha mención especial ao director de Turismo que “cando se fala de Valdeorras, nunca falla”.
Os actos de hoxe incluiron a celebración dunha mesa redonda titulada “O potencial do enoturismo en Valdeorras”, na que participaron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o director xeral do grupo Méndez-Rojo, con adegas nas cinco denominacións de orixe, Juan Luis Méndez; o propietario de Adega Algueira e restaurante O Castelo, Fernando González; o xerente de Bodegas Ladairo, Víctor Manuel López; e o xerente da adega Cova da Xabreira e do restaurante do mesmo nome, Simón Val.










