Turismo de Galicia comenza en Valdeorras a promoción da «Primavera de portas abertas» nas rutas dos viños

Publicidad

As xornadas de portas abertas serán en maio e desde esta fin de semana organízanse viaxes de familiarización para unha vintena de bloggers e instagramers de enogastronomía e viaxes

Turismo de Galicia comenza esta fin de semana a promoción da nova edición de «Primavera de portas abertas«, as tradicionais xornadas de portas abertas para coñecer as rutas dos viños galegos a través de distintas actividades e que este ano comezarán o 3 de maio.

Para promovelas previamente entre o público e en contextos dixitais, desde esta fin de semana e ata o 28 de abril, organízanse cinco viaxes ás rutas do viño cunha vintena de bloggers e instagramers especializados en enogastronomía e viaxes que, xuntos suman máis de 1 millón de seguidores.

A primeira celébrase ata este domingo na Ruta dos Viños de Valdeorras. Entre as actividades programadas, prevese que realicen, entre outras, un paseo en bicicleta eléctrica pola ribeira do encoro de San Martiño, entre A Rúa e Petín. Tamén visitarán diferentes adegas, os viñedos e lagares de Larouco, acompañados dun arqueólogo que explicará a historia da poboación. Farase tamén unha ruta guiada pola historia da comarca de Valdeorras e visitaranse o santuario barroco das Ermidas, ou as covas de Seadur, entre outros recursos.

Publicidad

A seguinte acción promocional para instagramers será do 5 ao 7 de abril na Ruta dos Viños das Rías Baixas; do 12 ao 14 de abril na do Ribeiro, do 19 ao 21 de abril na da Ribeira Sacra e do 26 ao 28 de abril na de Monterrei.

Ata xuño

Turismo de Galicia arranca así a nova edición da Primavera de portas abertas que leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños galegos, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano.

Trátase dun programa completo de actividades de enoturismo desenvolto de maneira conxunta e simultánea nos cinco grandes territorios vitivinícolas galegos.

As xornadas de portas abertas celebraranse cinco fins de semana entre maio e xuño, con visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta acción. En cada ruta poderase atopar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana: autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co viño.