Rueda reafirma o compromiso dos orzamentos da Xunta coa provincia de Ourense

Publicidad

O presidente da Xunta dixo na cidade que as contas «reflexan o desexo de que Galicia estea a salvo da incerteza e da inflación»

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que os Orzamentos de Galicia para o exercicio de 2023 recollen unha aposta da Xunta polos servizos públicos, o benestar e a xeración de oportunidades na provincia de Ourense. Así o asegurou nun Foro-Xantar organizado polo diario La Región no que presentou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Rueda, na súa intervención, explicou que as contas autonómicas, cun gasto per cápita en Ourense de case 5.200 euros, implicarán un compromiso cunha mellor sanidade, coa ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e a mellora do equipamento, ademais do novo Centro Integral de Saúde na cidade; ou un compromiso coa política social a través de proxectos como o Centro para a Atención a Persoas con Discapacidade ou as novas residencias no Carballiño e Castro Caldelas.

Publicidad

Ademais, lembrou o impulso a proxectos clave como o Centro de Ciberseguridade da Tecnópole, o Parque Acuático de Pereiro de Aguiar, a recuperación da fortaleza de Monterrei ou a nova delegación da Xunta; e o compromiso co tecido produtivo da provincia, con fondos para o Polígono de San Cibrao, as aldeas modelo ou a recuperación de terras en desuso.

Publicidad

O presidente do Goberno autonómico recalcou que as contas da Xunta, as máis altas da historia da Comunidade, reflexan o desexo de que Galicia estea a salvo da incerteza e da inflación, por iso dedican 3 de cada 4 euros a gasto social, inxectan máis investimento no tecido produtivo, seguen controlando a débeda e aforran aos galegos 128 millóns anuais en impostos.

Publicidad

Segundo afirmou, Ourense conta con ingredientes para liderar en Galicia, e Galicia precisa á provincia. Deste xeito, referiuse a condicións como o feito de ser porta de entrada do AVE na Comunidade e segunda potencia termal europea, que 4 das 5 Denominacións de Orixe vitivinícolas da Comunidade se sitúen en Ourense ou a fortaleza de pulmóns de actividade empresarial e innovadora como San Cibrao e a Tecnópole, así como as “oportunidades que teñen que vir da man da axilidade e da concreción no reparto dos fondos europeos”. En relación aos Next Generation, Alfonso Rueda chamou unha vez máis a atención do Goberno central sobre a necesidade de axilizar a chegada dos fondos porque, ao seu entender, “é unha oportunidade enorme” para Ourense e para toda Galicia “que non podemos deixar pasar”.

Do mesmo xeito, Rueda expresou a certeza de que a inmensa maioría dos ourensáns se recoñecen antes nunha provincia que “quere ser noticia polo impulso empresarial, por un rural vivo ou por unha cidade relanzada, que pola anécdota constante”.

Estabilidade e planificación

Nas súas palabras, o presidente da Xunta salientou a crenza compartida con Manuel Baltar de que a estabilidade é a base da prosperidade, a planificación un vínculo co cidadán e a xestión un requisito para converter as ideas en realidades. Deste xeito, valorou a carreira do presidente da Deputación de Ourense por ser o primeiro en aprobar uns Orzamentos en España. Para Rueda, Baltar é un político que ofrece, analiza, xestiona, coopera e cumpre. “Dez anos acreditan que Manuel Baltar sabe o que quere, sabe como o quere e sabe que no centro de todo sempre está Ourense”, afirmou, para a continuación salientar o traballo do goberno provincial para apoiar aos concellos, para fortalecer os sectores produtivos, a súa participación en foros nacionais e internacionais e o impulso ao “orgullo de ser ourensán”.