«Outonía» achega o seu «Laboratorio Mutante para a Ecoloxía dos Saberes» no rural

Publicidad

O proxecto participativo consta de distintos obradoiros en varias localidades para desfrute do patrimonio material e inmaterial

A cooperativa Outonía presenta a nova mutación do seu “Laboratorio Mutante para a Ecoloxía dos Saberes”, unha iniciativa conformada por catro Pezas/intervencións para crear ofertas artísticas-culturais nos rurais interiores de Lugo e Ourense.

O Laboratorio Mutante para a Ecoloxía dos Saberes, en diante LM, consolídase coma un proxecto participativo multiaxente, que se centra na experimentación, investigación e innovación cultural con acción directa en oito concellos do interior galego e influencia noutras áreas rurais do estado español.

O obxectivo xeral do proxecto é o desfrute do patrimonio material e inmaterial en áreas rurais periféricas, así como o traballo específico con colectivos vulnerables (diversidade funcional, mulleres adultas maiores, poboación rural xeral…) para garantir o exercicio dos seus dereitos de acceso e participación. Ademais de situar no mapa a comunidades e territorios case desapercibidos no referente á oferta cultural.

Publicidad

Usa unha metodoloxía mosaico, onde a través de catro Pezas (liñas de intervención), compón novas narrativas e propostas socioculturais con resultados e produtos específicos.

A Peza 1, aborda a creación audiovisual coas asociacións para persoas con diversidade funcional de ASFAVAL (O Barco de Valdeorras) e PRODEME(Monforte de Lemos). Na mesma xéranse obradoiros con Anxos Fazáns de Sétima Coop.Galega. O obxectivo é que cada grupo teña capacidade de axencia e sexan quen de gravar unha curta na que poidan expresar como viven o rural dende as súas propias vidas e historias. Os relatos non teñen unha forma concreta, senón que o grupo creará de xeito colectivo tanto o guión, coma asumirá responsabilidades, coidará os planos etc.

A Peza 2, é un Laboratorio de creación e experimentación da tríada corpo-territorio-identidade. Terá lugar na Serra do Courel, do 8 ao 12 de Xuño. O obxectivo deste é o diálogo entre entidades que desenvolve a súa labor artística-educativa nos rurais do estado español, para poñer en común métodos, triunfos e erros e desenvolver un fanzine conxunto con ferramentas específicas para o traballo comunitario. Participarán as entidades: Imago bubo (Extremadura), Mamachama (Canarias), La Underground Colectiva (Madrid) e Outonía (Galicia). O encontro será facilitado polas ferrolanas Rexenerando S.Coop.Galega.

A Peza 3, posta en marcha no Concello de Vilariño de Conso e de A Veiga, iníciase o vindeiro xuño. Crearánse grupos de traballo con mulleres adultas maiores arredor do patrimonio inmaterial. Empregarase o muralismo coma unha ferramenta de ocupar o espazo público. Xerarase unha secuencia de obradoiros da man de Outonía que finalizarán coa intervención das artistas plásticas Dúo Amazonas, encargadas de facilitar os murais colaborativos cos dous grupos de mulleres.

A cuarta das Pezas, As Festas Mutantes, desenvólvense durante o mes de xullo nos Concellos de Manzaneda e de O Bolo. Unha programación cultural con música ao vivo, teatro, títeres e narración oral, música tradicional, roteiros e exposicións fotográficas, entre outras.

As artistas confirmadas son Catuxa Salom, AldaoLado, Nuria Sotelo, Carabela, Toma de Terra, Alba Grande, Sofía Espiñeira…. A peza remata nun gran evento final en Manzaneda o 22 de xullo, que servirá para conectar ás participantes de tódalas Pezas e no que se proxectarán as dúas curtas resultantes, os murais, o fanzine e o traballo realizado durante o proxecto.

O nexo conductor do LM é crear unha proposta cultural que anime á participación comunitaria e ao desfrute de lugares emblemáticos e ao tempo descoñecidos das comarcas próximas.

A cooperativa Outonía S.Coop.Galega, impulsora do programa, foi beneficiaria das Axudas para a Diversificación das Actividades Culturais en Entornos non Urbanos da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), promovida polo Goberno de España dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os Fondos Next Generation.

É o único proxecto financiado por Territorio Cultura, que se centra no rural interior galego, un total de oito concellos e territorios implicados. Acadou un 4º posto sobre os 13 proxectos financiados, dun total de 53 candidaturas.