O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, dixo durante a presentación dos tres Entroidos que a tramitación para dita distinción «está moi madura» e que a Xunta a apoia
Turismo de Galicia apoiará os Entroidos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda nas xestións necesarias para ser declarados Festa de Interese Turístico Nacional. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, avanzou no acto de presentación dos tres Entroidos, celebrado en Viana do Bolo, que en próximas datas se presentará toda a documentación precisa ante o Goberno central.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presidu a presentación dos tres Entroidos na Casa do Concello de Viana do Bolo, onde tamén estiveron a alcaldesa de Vilariño, Melisa Macía; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Viana do Bolo, Andrés Montesinos e Marcos Martínez e o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.
Merelles destacou o traballo «sigiloso» dos representantes municipais de Viana, Vilariño e Manzaneda para avanzar na tramitación da Declaración de Interese Turístico Nacional do Entroido. «Están traballando para que conxuntamente, e independentemente, poidan obter esta distinción», precisou Merelles. «O traballo está moi maduro e vai contar con todo o apoio da Xunta de Galicia, que ten que facer un informe e que vai ser totalmente positivo e favorable», precisou.
Como paso previo, os tres Entroidos contan coa declaración de Festa de Interese de Turístico de Galicia. En concreto, Viana do Bolo ten este recoñecemento desde 1999, ao que se sumou Manzaneda en 2008. O máis tardío foi o de Vilariño de Conso, que logrou esta declaración en 2016.
O director de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia da festa do Entroido en Galicia e subliñou que Ourense é a rexión do Entroido por excelencia, con sete dos 11 Entroidos recoñecidos como Festa de Interese Turístico dentro desta provincia. Destes, o de Xinzo de Limia acadou xa a consideración de interese internacional e outro, o de Verín, está declarado de interese nacional.
Os Entroidos de Viana, Vilariño e Manzaneda «son moi atractivos, cada un ca súa personalidade», valorou Merelles lembrando que hai un día propio para cada un: O sábado en Vilariño, o domingo en Viana e o martes en Manzaneda. «O Entroido estase manfiestando como unha das primeiras manifestacións culturais mais importantes para a desestacionalización do turismo. Agora é a maior festa do inverno. E moi satisfactorio que no oriente ourensán se podan concentrar tres manifestacións culturais, que ao final son unha, cada cal ca súa idiosincrasia e con capacidade para atraer visitantes e todo esto unido a grandes eventos gastronómicos como a Festa da Androlla e a Festa do Cabrito, as dúas cunha tradición moi amplia», indicou o director de Turismo de Galicia.
Turismo de Galicia promove a celebración do Entroido en Galicia a través de distintas vías. Ademais do apoio institucional e da difusión de información en web, elaborou unha Guía que recolle toda a programación dos 11 Entroidos de Interese Turístico da rexión para 2025.
Co apoio aos Entroidos de Viana, Vilariño e Manzaneda, Turismo de Galicia avanza na súa estratexia de desestacionalización, co obxectivo de consolidar á rexión como destino de referencia máis aló da tempada alta. Póñense ademais en valor os recursos turísticos da rexión oriental da provincia ourensá, como o turismo natural e deportivo ou o patrimonio histórico, nunha aposta pola diversificación xeográfica da oferta de destinos galegos.
Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, remarcou que non hai ningunha representación cultural que involucre a varias xeracións ao mesmo tempo como é o Entroido e falou das singularidades desta festa no seu municipio.
A alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, dixo que as protagonistas do Entroido son as máscaras e agradeceu a implicación de Turismo de Galicia nesta celebración ancestral. Citou o desfile e a Festa do Cabrito, entre outras actividades do Entroido mais destacadas do seu municipio.
O concelleiro de Cultura de Viana do Bolo, Marcos Martínez, dixo que o Domingo Gordo de Entroido é o día mais sinalado, xornada na que se festexa tamén a Festa da Androlla, e indicou que «o Entroido hai que vivilo»
As celebracións de Entroido comezan entre o día 15 e o 20 de febreiro e prolongaranse ata o día 5 de marzo.