O Inorde mantuvo unha reunión en Seadur (Larouco) cos representantes dos municipios que integran o xeodestino
O Inorde e os municipios que integran o Xeodestino Trevinca-Valdeorras celebraron hoxe a comisión de seguimento nunha cova en Seadur de Larouco, para liquidar a execución das actividades do plan de acción do 2021 e avanzar no deste ano.
“Neste 2022 temos previsto desenvolver actuacións para promocionar este destino asociadas ao seu novo claim “Terras que saben” —presentado a comezos de ano en Fitur— que conxuga o saber do carácter histórico deste territorio co sabor da súa gastronomía”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
O ano pasado desenvolveuse un plan de acción que incluíu formación sobre comercialización turística dirixida ao sector privado, a organización dunha viaxe de familiarización coa que se levou aos operadores turísticos a coñecer a oferta enogastronómica deste destino para que posteriormente o incluísen nas súas canles de comercialización, a promoción dos municipios cunha roulottevintage por catro cidades galegas, e a realización dun showcooking na Feira de Turismo de Interior en Valladolid para promocionar os produtos enogastronómicos da zona.
Neste mesmo sentido, conseguiuse que a hostalería do xeodestino teña o seu propio espazo na guía gastronómica e de restaurantes da provincia de Ourense (www.restaurantesourense.com). Nesta plataforma, os potenciais consumidores poden atopar unha completa información detallada dos establecementos de restauración distribuídos por concellos.
Na reunión tamén se deu conta dos últimos cambios anunciados por Turismo de Galicia nos xeodestinos e que suporá a reconfiguración deste que pasará a chamarse “Trevinca-Valdeorras” quedando integrado polos seguintes municipios: A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.
Durante a xuntanza, tamén se avanzou na proposta que se trasladará a Turismo de Galicia neste 2022, para asinar o correspondente convenio e ampare ao xeodestino nas actuacións que se prevén realizar durante o ano, así como perfilar o importe do cofinanciamento que achegaría o Inorde, os concellos que agora quedan no xeodestino, e o que se lle solicitará a Turismo de Galicia.