«Deixa unha importante pegada no municipio grazas a súa entrega para mellorar a vida da veciñanza»
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, quixo expresar hoxe o seu máis sincero agradecemento e recoñecemento ao alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, despois de que anunciase onte a súa decisión de renunciar á alcaldía tras 15 anos de servizo público á veciñanza do municipio, 13 deles como alcalde.
Vila destacou que Álvarez Barreiro «representa un exemplo de compromiso, proximidade e responsabilidade pública», subliñando a súa «dedicación constante ao benestar dos veciños e veciñas de Vilamartín». O secretario provincial puxo en valor «o traballo serio e responsable» desenvolvido durante estes anos á fronte do Concello, así como «a capacidade de diálogo e a defensa permanente dos intereses do municipio».
«Enrique Álvarez Barreiro deixa unha importante pegada en Vilamartín de Valdeorras grazas á súa entrega, ao seu esforzo diario e á súa vontade de mellorar a vida da veciñanza», sinalou Vila. Neste senso, destacou que o alcalde socialista «sempre exerceu a política desde a cercanía, a humildade e o compromiso coa xente».
O líder provincial socialista tamén quixo agradecer «o traballo realizado durante todos estes anos desde os valores do socialismo democrático, defendendo os servizos públicos, a igualdade de oportunidades e o progreso do municipio». Para Vila, Álvarez Barreiro «foi unha persoa comprometida coa súa vila e coa comarca de Valdeorras, exercendo a responsabilidade pública con honestidade e responsabilidade».
Continuidade e futuro para Vilamartín
Álvaro Vila trasladou tamén a súa “plena confianza” no equipo socialista de Vilamartín de Valdeorras e no futuro do proxecto político no municipio. O secretario provincial asegurou que “o PSdeG-PSOE seguirá traballando con responsabilidade e compromiso para continuar impulsando o desenvolvemento e o benestar da vila”.
«O traballo realizado por Enrique Álvarez Barreiro deixa unha base sólida para seguir avanzando e estou convencido de que o equipo socialista continuará defendendo os intereses da veciñanza con responsabilidade e ilusión», afirmou Vila.
O máximo responsable socialista na provincia concluíu reiterando o seu agradecemento persoal e político ao rexedor saínte. «Enrique deixa unha traxectoria de compromiso e servizo público que merece todo o noso recoñecemento e gratitude», concluíu.





