O Plan de Acción Integrada (PAI) que achegará 7,2 millóns a Valdeorras «é un proxecto de comarca, de desenvolvemento, que non coñece de cores políticas»

Presentación del Plan de Acción Integrado (PAI)
Publicidad

O presidente da Deputación, o subdelegado do Goberno e o alcalde do Barco valoraron o plan que impulsará Valdeorras nunha comparecencia na que tamén estiveron alcaldes e alcaldesas

A Casa Grande de Viloira acolleu esta mañá unha comparecencia conxunta na que participaron o presidente da Deputación provincial de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; e o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, coa presenza de representantes municipais, alcaldes e alcaldesas dos nove concellos da comarca de Valdeorras.

O obxecto principal foi valorar a importancia do PAI (Plan de Acción Integrada) Valdeorras «Polos Camiños do Sil», que celebraron conxuntamente.

O primeiro en intervir foi o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen valorou a chegada de fondos europeos agradecendo a Deputación provincial que liderase o plan e tamén o respaldo do Goberno central.

Publicidad

Despois, falou o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, afirmando que a axuda de e 4.365.152€ «asignados polo Goberno de España a Valdeorras revolucionará a comarca» con 29 accións, entre as que destacou a promoción de vivenda accesíbel e o impulso á movilidade.

Explicou que o Plan EDIL (Estrategia de Desarrollo Integrado Local) é unha iniciativa impulsada polo Goberno baixo a xestión do Ministerio de Facenda, enmarcada no Fondo Europeo  de Desenvolvemento Rexional (FEDER) correspondente ao 2021-2027. «A  agrupación de Concellos encabezada polo Barco de Valdeorras coa  colaboración da Deputación de Ourense logrou na convocatoria deste ano a subvención de 4.365.152€.», indicou destacando, ademais, «o compromiso do Goberno co papel esencial da Administración local como motor de desenvolvemento e benestar».

Eladio Santos felicitou aos Concellos e á Deputación por deseñar un  proxecto innovador e ambicioso, acorde cos obxectivos exixidos polo  Goberno.

Luis Menor: «É unha panca de futuro para Valdeorras»

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recalcou que este plan «é moito máis que un investimento de máis 7,2 millóns de euros, cunha axuda europea que supera os 4,3 millóns, é unha panca de futuro para toda a comarca». Ademais, insistiu en que «é un proxecto de comarca, de desenvolvemento, que non coñece de cores políticas», destacando a boa sintonía das administracións para sacalo adiante.

Lembrou Menor que este PAI inicialmente estaba valorado en 10 millóns de euros. Faltando «un 30% dese proxecto inicial», sinalou Menor, quen anunciou a intención de «completar esa proposta» mediante a axilización que suporá que a Deputación asuma a tramitación destes proxectos e abrir a vía para que outras administracións poidan cofinanciar este proxecto, «porque impórtame tanto a execución do conseguido, como conseguir o que faltaría a día de hoxe por executar e completar o proxecto«.

Luis Menor tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de que a Deputación complete eses fondos «para non cargar máis aos concellos e poder executar o proxecto na súa totalidade».

Explicou Menor que este PAI é unha folla de ruta deseñada desde a Deputación de Ourense, co apoio de fondos europeos, e con carácter comarcal, que agrupa aos nove municipios de Valdeorras nunha estratexia común que busca reforzar a cohesión social, impulsar a diversificación económica e mellorar a sustentabilidade ambiental.

Lembrou que, xunto ao PAI de Ourense Sur, supón o maior investimento con fondos europeos acadado pola institución provincial (14 millóns de euros), seguido polo do PERTE da Auga que foron 13 millóns.

Na comparecencia explicáronse tamén as accións do PAI «Os Camiños do Sil», centradas en recuperar roteiros históricos como o Camiño de Inverno, que servirá para poñer en valor o patrimonio cultural e turístico da comarca; programas de rexeneración urbana; habilitación de vivendas públicas en concellos como O Bolo, A Rúa ou Petín, con especial atención ás persoas maiores e á mellora dos servizos sociais; mobilidade sostible, cunha rede de bicicletas eléctricas; mellora das marxes fluviais do río Sil no Barco e Sobradelo; modernización e dixitalización do comercio local; e actuacións de prevención de incendios e adaptación ao cambio climático, desgraciadamente tan oportunas despois dos lumes do verán.

Deste xeito, Luis Menor avanzou tamén no gran obxectivo global destas accións: fixar poboación, atraer investimentos e ofrecer novas oportunidades de desenvolvemento. «En definitiva, unha aposta compartida cos concellos por un modelo de territorio máis forte, unido e sostible. Que Valdeorras avance sen deixar a ninguén atrás», sinalou.

O presidente provincial quixo poñer en valor a importancia da cooperación institucional para a consecución deste importante investimento para toda a comarca. «Nada disto sería posible sen o esforzo conxunto, todos tivemos culpa deste éxito», dixo, ao tempo que recalcou que os fondos europeos «ofrécennos unha oportunidade histórica, pero o verdadeiramente importante é como os transformamos en benestar e mellora da calidade de vida para as persoas».

Neste senso, Menor lembrou o compromiso da Deputación de Ourense, «que quixo estar —como sempre— ao lado dos concellos, das asociacións, do tecido produtivo e da cidadanía.

Finalmente, houbo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas para comenzar xa a traballar nos proxectos.