O Concello do Bolo abre o Museo de Yosso todos os sábados

Publicidad

As personas interesadas teñen que chamar ao 606 01 71 05 para poder visitalo en horario de 10,00 a 12,00 horas

O Museo do artista Yosso poderá visitarse os sábados de 10,00 a 12,00 horas da mediodía a partir deste sábado, día 16 de xullo e, polo momento, ata o 31 de setembro. Os interesados teñen que reservar a súa entrada chamando ao 606 01 71 05 xa que o acceso estará controlado para protección das pinturas e tamén por medidas Covid-19.

O museo está situado nun local que forma parte das instalacións do Colexio CEIP do Bolo, rúa Cesar Conti, número 6, pero que conta con entrada independente. O acceso ao museo terá un custe especial de 1,80 €/persoa e os veciños censados no Bolo terán pase de balde. Os nenos menores de 12 anos e as persoas maiores de 65 pagarán 0,90 € e os grupos de máis de 10 persoas tan só 0,60 €/persoa.

Despois da súa inauguración no mes de maio abre as súas portas con informadora turística incluida para que os visitantes poidan estar máis orientados no que poden ver neste museo do polifacético artista da localidade bolesa de Valbuxán.

Publicidad

No percorrido pola obra de Yosso poderanse ver neste momento uns 74 cadros entre óleos, pasteis, carboncillos e debuxos. Todos eles fan referencia a súa vida en Valbuxán, a súa familia e algúns son pinturas da súa estancia en Francia. Na inauguración do museo os familiares que cederon a súa obra xa indicaron que irá cambiando cada certo tempo para que se poida coñecer a extensa obra do Cisne de Valbuxán.

José Porto García (Valbuxán 1943-2019), coñecido como Yosso, conta con este museo no Concello do Bolo para poder dar a coñecer a súa obra despois de ter en vida exposicións en París, Narbona, Londres, Madrid, entre outros lugares. A súa exposición en Vilariño de Conso no 2018 foi a última que fixo antes de falecer en agosto do 2019.

Dende o Concello do Bolo invitan a todos os veciños e visitantes a visitar o único museo de Valdeorras para coñecer e disfrutar do artista de Valbuxán e do seu xogo ca luz e a cor .