Levará unha moción ao pleno de febreiro na que defende seguir o modelo de ecovías de Portugal
O BNG do Barco de Valdeorras levará ao pleno do mes de febreiro unha moción para que o Concello promova a creación dun eco-carril O Barco-Vilamartín na beira do río Sil para fomentar a mobilidade sostenible.
O portavoz do BNG, Manuel Agra, lembra que A Axenda Urbana do Barco promove infraestruturas para mobilidade non motorizada, como redes de carrís bici e sendas peonís/ciclistas ao longo do Sil e afluentes, co obxectivo de fomentar o uso da bicicleta no núcleo urbano e conectar parroquias e municipios veciños (Rubiá, Vilamartín, A Rúa).
«Fálase de accións como ampliar o carril bici actual dende o Malecón á Urbanización das Hortas e bolsas de aparcadoiro disuasorio para reducir o tráfico motorizado. Tamén se fala dunha rede peonil/ciclista supramunicipal, inspirada no PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), priorizando peóns e bicicletas sobre coches», expón na moción.
O BNG considera que esas ideas van na liña da Axenda 2030 pero «son algo vagas e non profundizan nunha ruta específica ou en datas para levar a cabo estes proxectos. Consideramos que ir desenvolvendo xa estas actuacións é importante e por iso levamos ao pleno esta moción».
O modelo que propón a moción (eco-vía) xa se desenvolveu en municipios como Vilanova de Cerveira-Valença e Monçao (Portugal) aproveitando os fondos NextGenerationEU.
Este exemplo de ecopista, reutilizando antigas vías ou marxes fluviais para carrís bici segregados, «aliña perfectamente cos plans da Axenda Urbana do Barco (ampliación de carrís bici no Malecón e redes peonís/ciclistas ao longo do Sil)», engada.
Por iso, o BNG propón unha eco-vía dende O Salgueiral e o Malecón ata Vilamartín seguindo o cauce do río Sil. «Con isto, teríamos uns 10 km (ida e volta) de eco-vía ideal para bicicletas e persoas sen ter que compartir a ruta con vehículos motorizados», conclúe.







