O 10 de marzo será o Día da Lingua Galega no Bierzo

Publicidad

Consolídase o alumnado participante no programa de promoción do galego en centros de ensinanza non universitaria do Bierzo e Sanabria con 1.166 matrículas

O galego fálase máis aló das súas fronteiras e tamén se estuda. O Programa de promoción do galego nos territorios de Castela e León limítrofes con Galicia consolídase chegando neste curso 2024/2025 ás 1.166 persoas matriculadas, afianzando así o compromiso do Goberno autonómico co impulso da lingua máis alá das fronteiras da Comunidade.

Neste senso, cómpre lembrar que se trata dunha iniciativa do Goberno leonés apoiada pola Xunta de Galicia ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego, de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria no Bierzo e en Sanabria. Deste xeito, este ano participan nesta formación 14 centros de Educación Infantil e Primaria, que suman 969 alumnos, catro Institutos de Secundaria, con 162 estudantes, e unha Escola de Idiomas na que se contabilizan 35 persoas. 

Son datos que vén de confirmar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tras a reunión da comisión de seguimento do programa, conformada por ambas as dúas Comunidades, para analizar e valorar os resultados do ano pasado e abordar as accións dos vindeiros meses. Unhas accións nas que se inclúe a celebración o 10 de marzo do Día da Lingua Galega no Bierzo, festexos aos que se unirán representantes do Executivo galego.

Publicidad

A isto únenselle outras actividades extraescolares, complementarias ás lectivas, que permiten potenciar o coñecemento da lingua e da cultura galegas. No calendario deste curso está prevista a organización das XVII Xornadas Martín Sarmiento, así como propostas para celebrar as Letras Galegas e mesmo unha viaxe do alumnado participante a Galicia que se producirá en dúas quendas en maio e abril.

A proxección exterior da lingua

A proxección exterior da lingua, facendo fincapé no seu fomento noutras áreas onde se fala ou existe un alto grao de coñecemento, como son as zonas limítrofes con Galicia ou mesmo Europa e América, figura como unha das temáticas específicas das mesas de traballo constituídas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, que está a levar a cabo a Xunta no marco do Pacto pola Lingua. 

Esta comisión, conformada por expertos de recoñecido prestixio, traballará tamén para ampliar esa presenza no exterior tirando proveito dos vínculos coa lusofonía para poñer en valor, sobre todo entre a mocidade, os beneficios que ten falar galego polo súa proximidade co portugués, ademais  de continuar apoiando a acción das colectividades galegas noutros países e a colaboración con universidades de todo o mundo a través dos lectorados para impartir lingua e cultura galegas.

Por outra banda, a Xunta convoca cada ano en Ponferrada os exames Celga que certifican o coñecemento do galego e que resultan unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua ao tempo que impulsa o seu prestixio. Así, nas últimas probas, realizadas durante o ano pasado, foron 646 as persoas matriculadas na localidade leonesa para validar as súas competencias lingüísticas en lingua galega.