Merelles eloxia o «Espírito Ribeiro» como fórmula de éxito para diversificar o turismo este verán

Publicidad

O director de Turismo lembrou a aposta do Goberno autonómico polo enoturismo e a enogastronomía durante a presentación do evento

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, referiuse esta mañá ao Festival Espírito Ribeiro coma unha proposta que mestura música, enoturismo e patrimonio, e unha “fórmula de éxito para contribuír á diversificación do turismo durante este verán”, obxectivo primordial da Xunta de Galicia.

Neste sentido, Xosé Merelles destacou a aposta que está a realizar o Goberno autonómico polo enoturismo e a enogastronomía e que se constata en iniciativas como o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta de Galicia con fondos europeos Next Generation que inclúe estratexias en destino como a do Ribeiro-O Carballiño cun investimento global de 1,5M€, executarase nos tres concellos que acollen o Festival Espírito Ribeiro.

O director de Turismo de Galicia fixo estas declaracións na presentación do Festival Espírito Ribeiro que se desenvolve en Arnoia, Cenlle e Castrelo de Miño os días 28, 29 e 30 de xuño co apoio de Turismo de Galicia. No acto lembrou a boa resposta que teñen en Galicia as actividades vinculadas co enoturismo e subliñou que o Festival Espírito Ribeiro “reúne moitos elementos cos que traballamos no noso modelo turístico, entre elas, que contribúe, tamén, a dinamizar o noso rural”.

Publicidad

O Festival Espírito Ribeiro chega á súa cuarta edición combinando música, gastronomía e viticultura aderezada por unha selección de expositores de artesanía de Galicia nos tres concellos ourensáns. Nesta ocasión, o artista Pancho Varona será o embaixador deste evento e encargarase de poñer as notas musicais a unha cita da que se agarda un gran éxito de participación.