Luis Fernández Gudiña: «O PSOE ten como eixo do seu programa a xente da Rúa, solucionar os problemas cotiás da veciñanza”

Publicidad

O candidato socialista a alcaldía presentou as súas propopostas no seu mitin central no Aguillón suliñando o compromiso e seriedade da súa candidatura para o avance do municipio

O PSdeG-PSOE aposta na Rúa por un proxecto que sexa unha “alternativa de futuro”, baseado na “experiencia”, cun equipo “comprometido” e que permita que o concello “avance”. Os e as socialistas preséntanse a estes comicios electorais “con ilusión, con moitas ganas e con toda a forza do mundo”.

Nun acto celebrado no Aguillón, o PSdeG-PSOE da Rúa presentou o seu proxecto e a súa candidatura cun acto que contou coa presencia de veciños e veciñas que escoitaron atentamente ás propostas socialistas para o concello. No mesmo participaron o candidato á alcaldía da Rúa, Luis Fernández Gudiña; o senador, Miguel Bautista; e a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta.

Entre o público estiveron o parlamentario Eduardo Ojea, o deputado Aurentino Alonso e tamén a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista.

Publicidad

O candidato á alcaldía da Rúa polo PSdeG-PSOE, Luis Fernández Gudiña, subliñou que os obxectivos principais dos e das socialistas son “desenvolver políticas que teñan como eixe central ás persoas, políticas que xeren actividade nos sectores produtivos do noso concello, políticas en defensa da educación e a sanidade públicas, políticas que potencien o noso patrimonio ambiental e etnográfico, políticas de promoción do comercio de proximidade, da cultura e do deporte”.

Neste senso, o actual voceiro socialista dirixiuse ao publico para pedir “o respaldo de todas e todas para conseguir a maioría necesaria que nos permita un cambio na maneira de facer as cousas” e apuntou que “é necesario que unamos forzas e que o día 28 votemos socialismo, votemos por unha candidatura que é a única opción política que ten como eixo do seu programa buscar solucións aos problemas cotiás da veciñanza da Rúa”.

Fernández Gudiña márcase como meta rematar co “descontento” actual, tras 4 anos de goberno nos que A Rúa “retrocedeu”. Para elo, os e as socialistas presentan un programa no que defenden “un concello aberto, participativo, dinámico e transparente, rexido polos principios da igualdade, a capacidade e o mérito”.

O candidato socialista explicou que o proxecto socialista pasa por “mellorar as infraestruturas básicas; asentar poboación; loitar contra a seca; a elaboración dun plan de vivenda de aluguer social; o deseño dun plan de seguimento contra a soidade dos nosos maiores; buscar fórmulas para desenvolver o polígono industrial; apostar polos sectores produtivos máis importantes; xerar emprego; potenciar as políticas medio ambientais; mellorar os parques infantís; apostar pola cultura e o deporte; apoiar ás asociacións ou impulsar un local para a mocidade”.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, aproveitou a súa intervención para destacar que “con cada voto ao PSdeG-PSOE, con cada voto ao noso candidato Luís, apoiades tamén o cambio na Deputación de Ourense para que ese señor que considera que ir conducindo un vehículo oficial a 215 km/h é un despiste, que considera que a institución provincial e súa e que os recursos públicos son seus, saia a toda velocidade da Deputación de Ourense”.

A parlamentaria socialista puxo o foco tamén en que “cando gobernamos os e as socialistas, facémolo de forma distinta, con eficacia, a pesar das múltiples competencias impropias que asumen os concellos pola deixadez da Xunta de Galicia”.

Por último, o senador, Miguel Bautista, afirmou que “este 28 de maio imos encher as urnas de votos para rematar co abandono e o desleixo que viviu a Rúa nestes últimos 4 anos, e para acabar co descontento xeneralizado pola pésima xestión daqueles que gobernaron o municipio neste último mandato”.

O petinés tamén subliñou que “loitaremos contra o despoboamento, contra os recortes sanitarios e seguiremos pelexando por acadar investimentos para a Rúa e para a comarca de Valdeorras, porque os e as socialistas apostamos polas persoas e por esta terra”.