Gabriel Alén supervisou co alcalde de Vilamartín a reforma do centro de saúde

Publicidad

A inversión na mellora das instalacións foi de preto de 43.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Enrique Álvarez, o centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras para comprobar o remate das obras de mellora de envolventes e illamento do edificio nas que a Consellería de Sanidade investiu preto de 43.000 euros.

O delegado territorial explicou que co obxecto e obter unha importante mellora  da eficiencia enerxética da edificación actuouse sobre as carpinteiras exteriores e o lucernario, tamén se aproveitou para facer un repaso e limpeza de cuberta (fixado, selado e reposición de lousas deterioradas e limpeza de canelóns).

Gabriel Alén subliñou que que todas as actuacións foron planificadas e executadas para non interferir no deseño e estética orixinal do edificio; así, executouse unha folla illante na carpintería exterior e realizouse e instalouse unha subestrutura de aluminio independente no lucernario.

Publicidad

O delegado tamén adiantou que está prevista a instalación de climatización mediante Aerotermia para substituir o actual e ineficiente sistema de calefacción eléctrico, e o cambio de iluminación convencional a tipo led.

Unha reforma que era moi necesaria, segundo apuntaron os traballadores do centro de saúde de Vilamartín.

Ata o centro de saúde tamén se desprazou a directora do Distrito Sanitario de Valdeorras, Margarita Rodríguez.

Inversións no Hospital Público de Valdeorras

O delegado territorial aproveitou a súa presenza na comarca para destacar o investimento superior a 2 millóns de euros que a Consellería de Sanidade realiza na mellora dos equipos e as infraestruturas do Hospital Público Valdeorras.

Deste xeito aludiu ás melloras que contemplan a ampliación do Hospital de Día Onco-Hematolóxico, as áreas de recuperación da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, a modernización das instalacións da Farmacia Hospitalaria e a próxima reactivación da reforma do área de consultas externas.

Gabriel Alén tamén se referiu á renovación do equipamento tecnolóxico, apartado este que inclúe a incorporación dun ecógrafo a Xinecoloxía e Cardioloxía, un equipo que evita desprazamentos dos pacientes oncolóxicos a Ourense. Ademais, recordou a adquisición de ecógrafos para Urxencias e Radiodiagnóstico, así como un tomógrafo e un biómetro, destinados a Oftalmoloxía.

Gabriel Alén lembrou recente licitación da Xunta da compra de camas, mesas e cadeiras de pacientes para renovar o mobiliario de todas as habitacións do Hospital Comarcal de Valdeorras. En total son 106 unidades de cada elemento. O orzamento é de 474.562 euros e de cara á adxudicación valoraranse criterios como a extensión da garantía, a inclusión de novas tecnoloxías (como a incorporación de peso de pacientes nas camas) ou a accesibilidade dos equipos e as facilidades para axustar osíxeno ou porta soros.