Formoso: «O Hospital de Valdeorras é exemplo da saturación e colapso da sanidade galega»

Publicidad

O secretario xeral do PSdeG visitou Valdeorras e reivindicou incentivos e melloras laborais para atraer profesesionais

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que a sanidade galega merece unha xestión con “dignidade política”. Logo de participar na concentración en defensa da sanidade no Hospital de Valdeorras, urxiu á Xunta que “poña “enriba da mesa incentivos e tome as medidas necesarias” para mellorar as condicións laborais dos profesionais sanitarios.

O líder dos socialistas galegos afeoulle ao goberno galego a xestión dos últimos 13 anos, que se saldou coa perda de case 1.000 profesionais sanitarios, e reclamou un sistema que vexa neste caso Valdeorras como “un sistema atractivo onde vivir”. Esixiu ademais que o Sergas garanta as coberturas e que “non haxa vacantes tan escandalosas como estamos a observar nesta área sanitaria”.

Emprazou ao presidente da Xunta a que “tome cartas no asunto dunha vez por todas e se faga cargo dunha situación que está a preocupar enormemente á comarca” cun Hospital que “ten que dar servizo a todo un distrito sanitario e adoece de falla de persoal dende hai moito tempo”.

Publicidad

Formoso puxo a “lamentable” situación sanitaria de Valdeorras como exemplo do “colapso e saturación” do sistema sanitario galego. Lembrou que o Hospital comarcal carece de 20 profesionais sanitarios e “só ten 5 especialistas para atender toda unha comarca” e afrontar a tarefa “con dous únicos facultativos”.

Publicidad

O responsable socialista engadiu que a resposta do xerente da área sanitaria, Félix Rubial, emprazando ao Concello a poñer pisos a disposición dos facultativos “debera de facerlle plantexar a dimisión pola súa parte”.

Lembrou que “un país serio como Galicia” ten unha poboación que “merece dignidade política” e un goberno que dispoña dun sistema sanitario con condicións laborais acaídas para atraer aos facultativos.

Valentín González Formoso viaxou hoxe ata a comarca de Valdeorras, onde participou na concentración diante do Hospital comarcal logo de manter un encontro co alcalde, Alfredo García, e os rexedores de Vilamartín de Valdeorras -Enrique Álvarez- e Petín -Raquel Bautista-.

A continuación mantivo un encontro co clúster da pizarra, no que tamén participaron o alcalde de O Barco, o senador Miguel Bautista e o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino. Xa pola tarde manterá unha xuntanza co Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e visitará a Cooperativa do Barco.