31.9 C
O Barco de Valdeorras
sábado, junio 20, 2026
Publicidad

«Entre Covas» comenzou en Seadur con Paula Pintos

Publicidad

O festival de artes e enoturismo terá a segunda xornada en xullo coutra experiencia na Rúa

 A segunda edición do festival de artes e enoturismo Entre Covas, comezou en Seadur (Larouco) cunha proposta sonora contemporánea a cargo da artista coruñesa Paula Pintos, quen ofreceu un paseo sonoro por varias covas rematando cun recital na terraza da Cova da Xabreira. Organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras co apoio de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, tralo concerto houbo unha cata de viños con seis referencias de adegas asociadas á Ruta e unha gran variedade de petiscos preparados pola Cova da Xabreira. 

Cun aforo completo de sesenta persoas, este primeiro espectáculo contou con participantes de toda a comarca e chegados da Coruña, Ferrol, Vigo ou Pontevedra, que en moitos casos descubrían por vez primeira este importante patrimonio enolóxico. Este festival é unha aposta da Ruta do Viño para potenciar un turismo de calidade e respectuoso coa contorna, ofrecendo propostas de valor que combinen experiencias artísticas e enogastronómicas.

TRES COVAS CON TRES SONS DIFERENTES

Publicidad

Paula Pintos é unha artista sonora que investiga a voz, o son, a escoita e a memoria como materia artística, creando proxectos arredor da performance como Ícaro, un paseo sonoro do que creou unha proposta específica para Seadur. Tras visitar previamente o lugar e investigar a historia da cultura do viño en Valdeorras, Pintos propuxo un traxecto por tres covas facilitadas para o evento polos seus propietarios e nas que fixo pequenas intervención sonoras adaptadas á súa acústica. Antes diso, o público foi recibido na Cova dos Bidueiros, onde se lles ofreceu un primeiro viño para acompañar no traxecto.

A primeira parada foi na Cova do Rei, todo un espectáculo xeolóxico e arquitectónico no que quixo conectar cos sons do interior da terra. Despois, detívose na cova de Marité, onde convocando á escoita cun pandeiro sen ferreñas, recitou un texto dunha das protagonistas do documental Os fillos da Vide, da valdeorresa Ana Domínguez. A última cova dese paseo foi a de Miguel, escavada en granito e cunha estrutura que lembra á dun eremitorio, onde a canción se fixo máis prolongada e profunda grazas ao eco do lugar. 

Tres este percorrido, e co público xa sentado na terraza da Cova da Xabreira, Pintos iniciou un recital que foi crecendo en intensidade, combinando cancións de folclore galego e internacional, con creacións propias, sempre a través da experimentación con pedais e loopers. Todos os sons eran creados no momento a través da voz ou dos xestos sobre o micrófono, excepto unha pista de son ambiente coa que transicionaba entre pezas e que lembraba unha xornada de vendima. De feito, foi de novo a historia recollida en Os Fillos da Vide, desta vez na voz de Otilia Núñez, a súa protagonista, a que acabou de enraizar o espectáculo á contorna, grazas á sonoridade da fala valdeorresa e a memoria vitivinícola da comarca: «Eu cando ía vendimar ía cunha cestiña así no brazo, e mentres vendimaban eu tiña que ir detrás recollendo os vagos […] A min facíanme cantar os vendimaregos, dicíanme pareces un ruiseñor […]».

UNHA EXPERIENCIA ENOGASTRONÓMICA

Trala experiencia artística chegou o momento da enogastronomía. A enóloga Cecilia Fernández presentou as seis referencias de viños que se poderían probar, catro brancos e dous tintos elaborados polas adegas O Luar do Sil, Vinos Barco, Cova da Xabreira, Guitián y Blanco, Virgen del Galir e A Coroa. Para acompañalos, o restaurante da Cova da Xabreira ofreceu un cóctel gastronómico con oito pinchos diferentes, con embutidos, queixos, empanada, pementos con ventresca e espeto de churrasco de vaca, todo elo rematado cun petisco doce.

E así, cunha degustación de viños e pinchos e un ambiente distendido enmarcado nunha noite xa plenamente estival, rematou o primeiro Entre Covas. Dende a Ruta do Viño agradecen ao público a súa asistencia, á implicación das empresas involucradas na organización e tamén a axuda do Concello de Larouco e da veciñanza de Seadur, sempre colaboradora.

A próxima cita do Entre Covas é o venres 17 de xullo nas Pinguelas da Rúa, cunha visita á cova  da Adega Melillas, o concerto do grupo Abril na cova de Joaquín Rebolledo e unha experiencia enogastronómica na cova de Alana de val, con viños de seis adegas e pinchos preparados polo Complexo Hotelero Palladium.  O terceiro e último Entre Covas desta edición é o venres 21 de agosto en Petín, coa visita a algunhas covas do barrio de Santiago e o espectáculo teatral As R[h]umorosas na terraza de Terriña, Adegas e Viñedos. Os pinchos deste evento serán preparados polo Pazo do Castro. As entradas están á venda na web da Ruta do Viño de Valdeorras, en Ton y Son (O Barco) e na Tenda de Viños Cecilia Fernández (A Rúa).