O acto de entrega foi no castelo do Bolo, organizado polo Inorde, nun acto no que participaron o director de Turismo de Galicia, o presidente da Deputación, o alcalde do Bolo e representantes municipais da comarca
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organizou hoxe o acto de entrega dos diplomas e placas de «Compromiso de Calidade Turística» aos 10 servizos turísticos do destino “Trevinca-Valdeorras”, logo de ser aprobados pola Mesa da Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino.
Os servizos distinguidos no acto, celebrado no Castelo de O Bolo —un dos que logrou esta certificación—, son: Bodega Roandi do Barco de Valdeorras; no apartado de aloxamentos rurais están Eido das Estrelas, Eido do Trisquel, O Trisquel, todos eles da Veiga e Pacio do Sil de A Rúa; a empresa de turismo activo Terras Altas de Trevinca de A Veiga, os hoteis Pena Trevinca e Pazo do Castro —que tamén adheriu ao restaurante— de Carballeda de Valdeorras e do Barco de Valdeorras, respectivamente.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou no acto, que conduciu a xerente do Inorde, Emma González; o alcalde do municipio, Alberto Vázquez; e ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, na entrega destas distincións que dá boa conta do “doce momento” que está a vivir o turismo provincial e, especialmente, na comarca de Valdeorras. Circunstancia que, como dixo o presidente provincial, débese aos seus infinitos recursos pero, sobre todo, aos profesionais do sector que “facedes única e xenuina a experiencia do visitante no noso territorio”.
Na súa intervención, o presidente provincial puxo en valor o poder do turismo como “ferramenta para afrontar o reto demográfico e xerar oportunidades no rural”. Un turismo que, para o presidente da Deputación de Ourense, debe pasar pola sustentabilidade, a calidade e a interacción respectuosa do visitante co territorio.
Con esta primeira entrega de placas e diplomas, o Destino “Trevinca-Valdeorras”, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, pasa a formar parte do Sistema Integral de Calidade Turística implantado en toda España coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e o soporte da Deputación, a través do Inorde, que é o ente xestor deste xeodestino.
Este compromiso coa Calidade Turística do Destino “Trevinca-Valdeorras” garántese coa implicación de todos os servizos turísticos públicos e privados que atenden a aqueles que visitan este territorio. A entrega das distincións de hoxe “dá visibilidade a ese traballo e esforzo que amosades durante todo ano”, salientou Luis Menor.
Neste sentido, o presidente provincial felicitou aos servizos turísticos distinguidos por acadar este recoñecemento e ser pioneiros nesta comarca nesta distinción. Así mesmo, animounos a continuar traballando pola calidade do destino e ao resto de empresas que operan no xeodestino a que se sumen a este Compromiso de Calidade Turistica.
Xosé Merelles: «Turismo seguirá apoiando os Destinos SICTED»
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, agradeceu ao sector a súa aposta por intensificar a calidade e sustentabiilidade do destino. Salientou a importancia desta comarca para diversidicar a oferta turística “que se reforza coa calidade que ofrecen os establecementos e servizos dos distintos concellos da zona”.
Recordou que nestes momentos hai máis de 1.400 establecementos co distintivo SICTED, algo que, como dixo, reforza tamén a imaxe de Galicia como destino. Tamén destacou a aposta do Goberno autonómico para reforzar a calidade e sustentabildiade turística cun investimento de máis de 500.000 euros durante este ano ao abeiro da nova folla de ruta en marcha este ano.
Referiuse, en concreto, ao novo Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística da Xunta para consolidar o liderado de Galicia en materia de certificación de calidade e sostibilidade turística. O obxectivo global será acadar este ano 140 novas marcas Q de Calidade e S de Sostibilidade turística tanto en empresas como en servizos públicos e promover que un maior número de destinos se adhiran ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).
“Turismo de Galicia seguirá apoiando os Destinos SICTED, a través dos xeodestinos así como dos diferentes Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se están desenvolvendo no marco dos fondos europeos Next Generation”, explicou. Tamén recordou a aposta da Xunta por apoiar no sector no ámbito da calidade, continuando co asesoramento ás empresas e incrementou este ano un 23% a contía das axudas anuais para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privada nos procesos de certificación.
O alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, sinalou a aposta do Concello polo turismo, citando a apertura durante todo o ano dun servizo de atención aos visitantes para impulsar o castelo e o santuario das Ermidas.
O apartado musical durante o acto correu a cargo do cantautor valdeorrés natural de Casaio, Sito Fernández.