Alberto Pedrera Fidalgo asume a dirección do Distrito Sanitario de Valdeorras

Publicidad

O novo director do Hospital é de Ourense, licenciado en Ciencias Económicas e ten ampla formación en xestión clínica

Alberto Pedrera Fidalgo asume desde hoxe mércores a dirección do Distrito Sanitario de Valdeorras tomando o relevo de Margarita Rodríguez Blanco que deixou o cargo a finais do pasado mes de febreiro.

Cunha longa traxectoria na xestión sanitaria, Alberto pasará a liderar a sanidade pública valdeorresa, asumindo este novo reto con toda a ilusión e tamén con toda a responsabilidade.

Alberto Pedrera naceu en Ourense e é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e a súa formación académica complétase con cursos de especialización en dirección sanitaria ademais dunha ampla formación en xestión clínica.

Publicidad

Comezou a súa traxectoria profesional no ano 2011 como director económico-administrativo da empresa pública de Servizos Sanitarios Galaria para posteriormente ocupar no ano 2012 a Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cargo que desempeñou durante seis anos. Desde o ano 2018 ocupou o cargo de director de recursos económicos e de recursos humanos no Centro Médico El Carmen de Ourense.

Con máis de tres millóns de euros de investimento durante os últimos anos entre as obras de ampliación e mellora, equipamento sanitario e tecnolóxico no Hospital Público de Valdeorras, Alberto Pedrera terá como prioridades máis inmediatas a posta en marcha da nova área de farmacia hospitalaria, o remate das obras da unidade de cirurxía maior ambulatoria e da zona de consultas externas e a instalación dun novo TAC de última xeración.

O novo director do Hospital de Valdeorras terá tamén como obxectivo o de impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do Hospital de Valdeorras ás necesidades presentes e futuras dos usuarios e os veciños da comarca de Valdeorras e traballar por unha sanidade pública, gratuíta, integral e equitativa. Ademais o novo director márcase como obxectivo a mellora da coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria e tamén desexa promover a participación social e da cidadanía, mellorando as canles de información potenciando o funcionamento dos consellos de saúde do distrito sanitario.