A valdeorresa Fátima Delgado estrea a súa obra «Run Baby Run» no Centro Dramático Galego

Publicidad

Será hoxe venres, 6 de outubro

Xa está todo listo para a estrea absoluta de «Run Baby Run» hoxe venres, 6 de outubro, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela. A valdeorresa Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco, que contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e que se poderá ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español entre febreiro e marzo do 2024.

Nesta peza Fátima Delgado plasma unha das súas teimas, “o persoal é político”, e elabora unha reflexión sobre a discriminación de xénero dentro do deporte feminino que viu a luz logo das súas investigacións de varios casos de mulleres deportistas profesionais. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.

O papel da atleta está interpretado por Alba Loureiro e o da adestradora, por Camila Bossa. O elenco complétase con Celina Fernández e Daniel Méndez, e a canda eles atópase un equipo artístico integrado por figuras senlleiras das artes escénicas, como o deseñador Pier Paolo Álvaro, Fernando Epelde en calidade de responsable da música e do espazo sonoro da peza, o escenógrafo Alessio Meloni, o iluminador Juan Gómez Cornejo ou a coreógrafa Greta García, entre outras.

Alén diso, cómpre subliñar o a presenza de Galicia en Run Baby Run como un elemento máis. A atmosfera galega e o entroido ourensán atravesan a obra dun xeito moi especial. Os peliqueiros, unha sorte de coro grego, ocupan a escena cun vestiario inspirado na indumentaria tradicional pero repensado polo devandito Paolo Álvaro.

Neste sentido, Jana Pacheco salienta a colaboración da asociación ‘Las tejedoras’ de Vicálvaro, un colectivo de mulleres deste barrio madrileño “que se xuntan para tecer e dialogar sobre a violencia machista e que teceron flor a flor todo o vestiario dos peliqueiros”, materializando un traxe fermoso e cheo de significado.

Logo da súa estrea en Santiago, Run Baby Run contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e poderase ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo do 2024. Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid. As entradas para as funcións dos días 6, 7 e 8 de outubro no Salón Teatro pódense adquirir na web de Ataquilla.

Unha artista polifacética

Fátima Delgado é licenciada en Filoloxía Inglesa e conta, ademais, cun máster en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela e cunha ampla traxectoria nas artes escénicas e na poesía. Obtivo a bolsa ETC unipersoal da Cuarta Pared no 2022. No 2019, foi poeta seleccionada na residencia Ámeto Mítico da Fundación Uxío Novoneyra e da Xunta de Galicia. No 2018 obtivo a ‘Ayuda para la Creación de las Artes Escénicas’ da Comunidad de Madrid para escribir o seu espectáculo Run Baby Run.

Fátima comezou a súa formación en interpretación na Aula de Teatro da USC no 2005. É cofundadora da compañía de teatro universitario As Fillas de Lilith, coa que adaptou ao galego As bágoas amargas de Petra Von Kant, de Fassbinder. No 2007 mudouse a Madrid, onde estudou Arte Dramática en diferentes escolas e participou en obradoiros de creación escénica, interpretación e dramaturxia con profesionais como Lucía Carballal, Pablo Remón, Sergio Blanco, Andrés Lima, Jana Pacheco, Marta Pazos ou Carlos Tuñón, entre outros.

Fundou a compañía e produtora Meninas Teatro no 2012 xunto á actriz brasileira Cynthia Pagotto. Escribiu e actuou en obras como Androsex, estreada na Sala Triángulo de Madrid no 2013; No sin mi libro (2015); e Avón llama a tu puerta (2016). Foi actriz noutros moitos espectáculos como Maleca e En el espejo, de Víctor Sánchez Alonso (Festa Corral de Cervantes de Madrid).

Na compañía La Méduse, fundada xunto a Tatiana Carel, foi codramaturga e actriz en Tsunami (2018), estreada no Festival Noches del Ramadán; e actriz e asesora dramatúrxica nas obras Servir (2022), estreada no teatro do Instituto Francés, e Mi verano en burkini (2021). No 2016 foi finalista coa peza Tsunami -xunto a Tatiana Carel- no I Certame Coreográfico Danza en Valores da Asociación Primario, no Museo C.A.V. A Neomudéjar de Madrid.

Fátima ten tres libros de poesía publicados: Vestida de domingo (Romania Minor, 2011), Ninfopoética (Urutau, 2018) e Ouveos / Aullidos (Seda de Biso, 2020). Formou parte do Prostíbulo Poético e actuou en múltiples festivais de poesía, entre eles, o Festival Kerouac de Nova York e México (2022), o Festival Kerouac de Vigo, o V Festival dos Eidos (2019), Culturgal, Búscanse Poetas -do Bowery Poetry Club de Nova York-, Selic (2020) e outros moitos eventos poéticos en Madrid e Galicia. É tamén programadora e presentadora da sección de poesía do SilFest de Valdeorras.

Publicidad