A senadora do BNG Carme da Silva visitou A Rúa: «As administracións deben dar unha resposta conxunta e inmediata fronte aos efectos dos lumes»

Publicidad

A formación nacionalista esixe actuar de forma inmediata para frear os arrastres das cinzas

O Bloque Nacionalista Galego exixe a colaboración inmediata de todas as administracións ante o arrastre da cinza após os grandes lumes que asolaron as comarcas ourensás e lucenses, moi especialmente no caso de Valdeorras. A organización nacionalista urxe protexer a bacía e reclama a Goberno do Estado e Xunta de Galiza, con competencias na materia, frear as consecuencias dos grandes incendios e garantir o abastecemento de auga potábel a toda a veciñanza que se está vendo afectada.

A senadora do BNG, Carme da Silva, estivo acompañada pola alcaldesa nacionalista do Concello da Rúa, María G. Albert, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, o deputado provincial do BNG, Bernardo Varela, o responsábel comarcal do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga, Avelino Fernández, concelleiro na Rúa, e Manuel Agra, concelleiro no Barco.

«Ante unha situación de emerxencia, tanto ambiental como sanitaria, requírese de actuacións inmediatas e coordinadas. Non se pode mirar cara a outro lado e botar balóns fóra mentres as cinzas dos lumes producidos na época estival están a chegar aos ríos e mananciais que abastecen a poboación», sinala a senadora do BNG. 

Publicidad

Para Carme da Silva, non abonda con recoñecer o problema senón que «é preciso actuar xa» a través dun «traballo conxunto, planificación e medios suficientes» de todas as administracións con competencias na materia. Tanto o Goberno do Estado, a través da Confederación Hidrográfica, como a Xunta de Galiza teñen competencias e «deben dar unha resposta eficaz e evitar duplicidades ou inaccións».

A resposta institucional, incide a frente nacionalista, debe ser inmediata e estar baseada na cooperación, porque «as competencias están repartidas, mais a responsabilidade de protexer o medio e o benestar da poboación é compartida».

María G. Albert: «Non se fixeron os traballos necesarios«

A alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, lembra que desde o primeiro minuto após os lumes da época estival, o BNG alertou da necesidade de levar a cabo traballos para evitar que as primeiras choivas arrastrasen a cinza. «Non se fixeron os traballos necesarios e agora tampouco se están a levar a cabo as suficientes medidas para paliar a situación» subliña.

De facto, pon en valor Albert, o servizo de augas municipal «está a traballar 24 horas ao día, 7 días da semana para poder levar auga potábel á veciñanza» ante as restricións no consumo «sen contar coa axuda doutras administracións».

Informe da Confederación Hidrográfica

A senadora do BNG sinala a necesidade de que a CHMS publique un informe coas medidas que se están a desenvolver para evitar o arrastre de cinza e restos vexetais ás marxes e leitos dos ríos e «aclarar o investimento realizado e previsto para minimizar os efectos sobre a cunca». Do mesmo xeito, continúa Carme da Silva, débense despregar actuacións adicionais e urxentes de limpeza e estabilización dos solos nas zonas máis afectadas.

Iniciativa no Parlamento galego

Pola súa parte, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, avanza que no vindeiro pleno na cámara galega o seu compañeiro Secundino Fernández instará a conselleira a levar a cabo «medidas concretas para potenciar a restauración destas superficies arrasadas polos lumes e evitar que a cinza poida contaminar os acuíferos».

«Demandaremos explicacións á Xunta de Galiza para evitar que a neglixencia no que ten haber coa prevención e extinción dos lumes deste verán teñan máis impacto en algo tan ordinario como é o abastecemento domiciliario de auga potábel» subliña Tabarés.