A Rúa, candidata para celebrar probas do Campionato Galego de Cross

Publicidad

O presidente da Federación Galega de Atletismo visitou as instalacións deportivas do Aguillón para avaliar a posibilidade de distintos eventos deportivos

Coñecer de primeira man o estado das instalacións deportivas da Rúa na zona do Aguillón para avaliar a posibilidade da realización na primavera de 2024 de distintas probas deportivas. Ese foi o motivo principal da visita hoxe á Rúa do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.

Publicidad

Sanmartín estivo guiado na súa visita polo concelleiro do grupo de goberno Avelino Fernández Seco, grande coñecedor do sector deportivo da Rúa. Ambos estiveron tamén acompañados por Agustín González, director técnico da delegación valdeorresa de Atletismo.

Iván Sanmartín amosouse gratamente sorprendido polas posibilidades que oferta a área deportiva do Aguillón para a realización de probas de Cross así como pola abundante tradición que ten á Rúa na práctica de distintas disciplinas atléticas.

Publicidad

Nese sentido, Concello e Federación están a traballar na celebración na Rúa do vindeiro Campionato Galego de Cross nas súas categorías inferiores e tamén na de veteráns.

Fernández Seco destacou tamén o compromiso do Concello da Rúa coa práctica do deporte así como os esforzos que se están a realizar para garantir as mellores condicións posibles no desempeño das diferentes actividades.

Seco subliñou que a área recreativa do Aguillón e a chopeira ten demostrado xa con anterioridade que ofrece unhas condicións inigualables para a práctica de cross ao máis alto nivel.