A recuperación da terra agraria gaña terreo en Galicia

Publicidad

No ano de vida da Lei de recuperación da terra agraria estanse a mobilizar 9.300 hectáreas das que 8.788 corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 a 21 aldeas modelo

Facer produtiva a terra. Este é a condición indispensable para revitalizar o rural, mellorar a curva demográfica, dinamizar o territorio, xenerar actividade económica e, tamén, anticiparse aos incendios. Consciente desta realidade, a Xunta de Galicia ten en vigor desde o 22 de maio de 2021 a Lei de recuperación da terra agraria, unha innovadora e ambiciosa ferramenta que cumpre á perfección ditos obxectivos, promovendo a recuperación dos terreos abandonados e infrautilizados para facilitalos a quen os desexe traballar.

A Lei de recuperación da terra agraria aposta pola ordenación do territorio rural mediante as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos eles son mecanismos voluntarios baseados en arrendamentos, cesións nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta. Son fórmulas que buscan recuperar grandes espazos produtivos con cultivos ou ben actividades forestais ou gandeiras propias de cada zona.

Trátase, a su vez, de achandar o camiño para acadar explotacións cunha produción competitiva e sustentable que mellore o sector primario en Galicia.

Publicidad

No seu primeiro ano de vida, a Lei xa deu froitos. Os datos avalan que a recuperación da terra gaña terreo. De feito, dende a entrada en vigor da norma, estanse a mobilizar mais de 9.300 hectáreas das que 8.788 hectáreas corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 hectáreas, a 21 aldeas modelo. En conxunto, benefician a 9.600 propietarios e 35.000 parcelas en Galicia.

Dos 21 polígonos agroforesais de iniciativa pública, 10 están xa iniciados (coa recuperación de 4.114 hectáreas) e 11 atópanse en fase de actuacións previas. A provincia de Ourense lidera a estadística e a iniciativa na súa aposta por esta figura da lei.

Os de  Cualedro (con 64 hectáreas e unhas 72 parcelas de 70 propietarios) e Oímbra (preto de 22 hectáreas e unhas 72 parcelas de 73 propietarios), son os mais adiantados. Xa tramitaron a declaración de utilidade pública. Oímbra aposta por cultivos agrícolas de ciclo curto e a gandería en extensivo, ademais de árbores froiteiras. Cualedro tamén opta pola gandería en extensivo e cultivos complementarios.

Oito polígonos máis, na fase de remate dos estudos de viabilidade, céntranse nos cultivos de horta, viñedo e forestal. Son os de Remuíño en Arnoia (224 hectáreas e 6.753 parcelas), Barzamedelle en Leiro (146 hectáreas e 183 parcelas), Pousada en Riós (94 hectáreas e 663 parcelas), Vences en Monterrei (22 hectáreas e 535 parcelas), Solbeira en Paderne de Allariz (43 hectáreas e 317 parcelas), Vilalén-Tomonde en Cerdedo-Cotobade (68 hectáreas e 1.534 parcelas), Mandelos en Crecente (45 hectáreas e 391 parcelas) e Santaia-Foxado en Curtis (3.386 hectáreas e 6.161 parcelas).

Ademais, hai que engadir 11 polígonos nos que se ten iniciado un procedemento de actuacións previas, os cales suman 4.674 hectáreas e 9.750 parcelas de máis de 5.000 (5.013) propietarios. Trátase dos de Ver, en Bóveda; Barcia ,en Navia de Suarna; Prado, en Castrelo de Miño; Freixido, en Larouco; Panascos, en Tomiño; Alta Limia, Corno do Monte e Lamas Ganade (en Xinzo de Limia); San Salvador de Sabucedo (Porqueira); A Graña de Seoane (Montederramo) e Soutopenedo (San Cibrao das Viñas).

A Consellería do Medio Rural desenvolve os polígonos agroforestais alá onde hai vontade e interese, sempre e cando exista un acordo inicial dos propietarios de máis do 70% da superficie , tal e como establece a Lei, implicando aos concellos para a súa consecución.

En Larouco, no polígono de Freixido, a previsión e por en valor un total de 136 hectáreas, divididas en 1.227 parcelas de 517 propietarios, orientado a árbores de froito e viñedo.

En canto aos polígonos agroforestais de iniciativa privada, a Consellería do Medio Rural —a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural— recibiu no último ano un total de 34 solicitudes, que supoñen máis de 1.300 hectáreas a mobilizar.

Requisitos para os polígonos agroforestais

A Lei recolle que para os polígonos agroforestais de iniciativa pública dáse prioridade a zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%; ás áreas cortalume e a aqueles lugares nos que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto: unha superficie mínima do 70% das terras incluídas no perímetro proposto do polígono agroforestal.

Tamén dáse carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos para zonas abandonadas de elevada aptitude agropecuaria delimitadas no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia; para a ampliación da base territorial das explotacións existentes e a recuperación de terras acaídas para producións acollidas a Indicacións Xeográficas Protexidas, Denominacións de Orixe Protexida, ou outras producións con marca de calidade.

Aldeas modelo para poñer en valor a terra

Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da Lei de recuperación da terra agraria, polas aldeas modelo para valorizar a terra e xa ten declaradas un total de 21. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu este mes a declaración de tres novas aldeas modelo. Son Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames. Supón outro paso adiante na posta en valor da terra.

Soutogrande ten unha superficie de 33,50 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 titulares catastrais. Cortegazas abrangue 15,11 hectáreas, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios. E Ferreiros ten unha superficie de 8,55 hectáreas, con 128 parcelas implicadas de 52 titulares catastrais.

As novas aldeas modelo decláranse en colaboración cos concellos correspondentes, todos eles situados en zonas de alto risco de incendios (ZAR) e adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

A aldea de Meixide (A Veiga) é unha das 21 aldeas modelo que hai en Galicia. Conta cunha explotación de vacún en extensivo. Abrangue unha superficie de 71,25 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se busca dinamizar. Abrangue 646 parcelas de 151 propietarios. 

Ourense é a provincia galega con mais aldeas modelo, con 14. Séguea Lugo con 5, mentres que A Coruña e Pontevedra teñen unha respectivamente. Suman 574,27 hectáreas de superficie, 9.346 parcelas e 2.359 titulares catastrais.

Aldea modelo de Trascastro (Lugo)

Nestre intre, séguese cos traballos de recollida de sinaturas doutras sete aldeas modelo de cara á súa aprobación: unha na Coruña, outra en Lugo, unha máis en Pontevedra e catro en Ourense. En total, representarán outras 194,84 hectáreas de superficie de actuación, 3.395 parcelas e 901 titulares catastrais.

Neste primeiro aniversario da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia avánzase na seu desenvolvemento para restaurar unha vida plena no rural mediante aldeas modelo e os polígonos agroforestais, fórmulas con un mismo obxectivo: poñer en valor a terra.