A II Feira Irmandiña do Bolo será o 14 de agosto con produtos tradicionais, recreación histórica e «video mapping»

Publicidad

O Concello anima a acudir ca vestimenta de época e a disfrutar dun día cheo de animación dende as 11,00 horas da mañá ata as 23,00

O grupo de goberno do Bolo, presidido polo socialista Alberto Vázquez, quere impulsar o coñecemento da historia e cultura deste concello e dos seus produtos tradicionais. O obxectivo é atraer máis visitantes a este municipio e poder xerar tanto movemento social como económico. Con este obxectivo continúase coa segunda edición da Feira Irmandiña que se celebrará o día 14 de agosto, de 11,00 a 23 horas.

Alberto Vázquez e o teniente de alcalde, Miguel A. García, presentaron o evento no castelo do Bolo, animando a participar e levar disfraces da indumentaria de época para a festa irmandiña.

A idea da Feira Irmandiña parte dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución. Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello queren promocionar e poñer en valor. De feito, nesta ocasión haberá una recreación histórica dos feitos a cargo dun grupo de teatro.

Publicidad

Nesta segunda edición seguirá tendo especial protagonismo a feira de produtos tradicionais da vila e da comarca, como o viño, o aceite, o mel e os embutidos. Os postos estarán abertos durante todo o día na praza ao lado do castelo.

Dentro do recinto amurallado instalarase este ano un posto de comida, que este ano terá como novidade o porco asado ao espeto.

Ademais nos arredores da fortificación haberá xogos para os nenos e tamén estará presente a música con cantos de taberna tradicionais.

Para promover o coñecemento da historia do castelo faranse visitas guiadas de balde ao interior do castelo ás 11, 13:30, 18 e 19:30 horas. Nesas visitas contarase a historia dos Irmandiños e a súa actuación neste castelo.

Novidades

Entre as novidades deste ano haberá unha representación teatral no exterior do castelo pola noite, ás 21 horas, e tamén animación de rúas para que os veciños se reúnan pola mañá para subir ata o castelo e inaugurar a feira. A parte teatral estará a cargo da compañía Platea Lúa.

A outra innovación deste ano será un video mapping que se proxectará sobre a torre do castelo ás 22 horas baseado na historia do asalto a fortificación polos irmandiños. A proxección poderá verse dende moitas partes do casco urbano e incluso dende as parroquias de arredor.

Dende o concello animan aos visitantes a acudir vestidos de época para sentirse como os señores e irmandiños na Idade Media. En próximas edicións irase ampliando as actividades con esta temática.

Os meses de verán son datas nas que este concello recibe moita poboación emigrada coa volta de moitas persoas que viven o resto do ano en Cataluña, País Vasco, Francia, Suíza e Alemaña, entre outros lugares do mundo. Para celebrar esta volta e para os veciños que viven aquí todo o ano, hai numerosas festas programadas. As comisións de veciños esfórzanse en contratar orquestras e actividades para os nenos e contan co apoio do concello na medida do posible. Ademais o grupo de goberno organiza actividades a maiores que contribúan ao coñecemento desta vila mailos seus produtos. Este é o caso da II Feira Irmandiña do Bolo.