A gala do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán homenaxeará á comunidade educativa

Anxo Baranga cas fillas de Florencio Delgado Gurriarán
Publicidad

Será o sábado 22 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco, as 20,30 horas

As comunidades educativas teñen un papel clave en que as Letras Galegas se teñan convertido nunha explosión cultural tanto en Galicia como nas comunidades galegas do exterior. Coas Letras de Florencio deste 2022 tamén foi así e por iso, na gala de entrega do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, os colexios terán moito protagonismo. Ademais, neste ano tan especial, a gala estará presentada por Anxo Baranga, un aliado clave das Letras de Florencio e da dinamización cultural de Córgomo.

O evento celebrarase o próximo sábado 22 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco, ás 20.30 horas, e participarán como copresentadores alumnado do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras, que xa prepara as súas pezas coa dramaturga Amparo de Dios.

Tamén estará ao alumnado do CEIP Julio Gurriarán do Barco, galardoado pola Real Academia da Lingua, interpretando algunha das súas adaptacións musicais dos poemas de Florencio e máis ao IES Marco do Camballón de Viladecruces, estreando ese mesmo día no Barco a canción e o videoclip do proxecto «O poeta que baila» que gravaron co músico Xabier Díaz.

Publicidad

Ademais deste recoñecemento á labor creativa dos colexios, na gala o protagonismo será sen dúbida para os poemas finalistas e os seus autores e autoras, que terán a oportunidade de recitalos e de pasar un fin de semana de convivencia en Valdeorras coñecendo a terra de Florencio. O poema gañador, que recibirá un premio de 3.000€, desvelarase na propia gala.

O acceso ao evento é libre ata completar aforo e dende as Letras de Florencio convídase a toda a comarca a que se sume a esta celebración da poesía.

O Xurado valoraos 180 poemas presentados

Finalmente, presentáronse ao premio de poesía arredor de 180 poemas, xa que algúns chegaron por vía postal dentro do prazo e se recibiron estes días, despois do primeiro reconto. O xurado, composto por artistas, docentes, poetas, investigadoras, críticos literarios e activistas culturais, xa os está a valorar e o faio cos cinco finalistas farase público o luns 17 de outubro.

Os integrantes do xurado desta edición 2022 son Cristina Pato, unha das creadoras ourensás con maior proxección internacional; María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona e investigadora; Ramón Nicolás, crítico literario, profesor, tradutor e escritor, Antía Balvís, poeta e activista cultural que forma parte da xeración do século XXI dos poetas galegos, Emilio Vega, bibliófilo, divulgador e membro de Valdeorras Infinda e do proxecto As Letras de Florencio e Eilún del Pazo, poeta e gañadora da anterior edición do premio.